14 Jan
14Jan

Ave de 28-31 cm. Sexos semellantes. Partes superiores negras con reflexos verdosos e violetas; curuto, risca ocular, papo, banda subterminal do rabo e gorxa negros, esta última branca en plumaxe invernal; resto do corpo branco, incluíndo as puntas das ás e mitra; característica crista, longa no macho e algo máis curta na femia; infracobertoiras caudais castañas.

Os inmaturos teñen a crista curta e carecen de negro na gorxa. En voo son características as ás anchas e redondeadas que bate a modo; nos machos máis anchas e redondeadas na parte exterior e nas femias máis estreitas e aguzadas.

Paleártica. Aniña en toda Europa, agás no extremo norte e parte da zona mediterránea. Na Península Ibérica está presente todo o ano cun forte incremento de poboación en inverno; aniña principalmente nas mesetas Norte e Sur e zona occidental de Andalucía, e de forma espallada noutras comunidades. En Galiza é invernante común con chegadas a partir de fins de xullo e tanto pode verse na beiramar coma no interior.

Como aniñante é escasa e moi localizada, criando principalmente na comarca da Limia e en certas localidades da Terra Chá, sen que a poboación nidificante exceda das 30 parellas.

Selecciona prados húmidos, cultivos e barbeitos, en xeral asociados a zonas inundables, polo que a destrución de hábitat por desecamento de lagoas supón un factor moi importante de ameaza. A intensificación agrícola tamén ameaza os hábitats de nidificación, e a caza durante o período invernal, a pesar de afectarlles principalmente a exemplares migradores, ten unhas consecuencias descoñecidas sobre a poboación sedentaria que sería conveniente analizar.

Aniña en depresións do chan de áreas abertas. Manifestacións de celo danse de mediados de febreiro a maio e ovos de abril a xuño. Pon 4 ovos verdosos ou cremosos moi densamente apencados que chocan os dous sexos durante 25-30 días; os polos son nidífugos e voan ás 5 semanas.

Aliméntase de insectos, miñocas, moluscos, arañas e plantas.

No catálogo galego de especies ameazadas, as poboacións aniñantes desta ave, están clasificadas coma en "perigo de extinción".

Ver ficha: Vanellus_vanellus.pdf


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.