27 Jan
27Jan

Ave de entre 80 a 100 cm. cunha envergadura entre 130-160 cm., de sexos iguais. Plumaxe totalmente moura, agás unha mancha branca nas fazulas e, na época nupcial, outra nas coxas; pescozo groso; peteiro longo, forte, ganchudo no extremo e amarelo na base; ás longas e apuntadas; patas sempre escuras.

Os novos son pardos coas fazulas e partes inferiores do corpo abrancazadas e os inmaturos soamente coas fazulas abrancazadas. Voa cun bater de ás continuo con breves pairos intercalados e durante o mesmo leva o pescozo lixeiramente pregado. Emite sons guturais profundos. Nas colonias de cría tamén produce outros sons máis suaves:  "ghoo- gho".

Trátase dunha especie colonial, que pode reutilizar o niño ano tras ano. Adoita instalalo tanto en árbores como sobre canaveiras, ou, se é na costa, en cantís. O niño constrúese con materia vexetal e unha capa superior de plumas. A posta consta normalmente de tres ou catro ovos, de cor azul  verdoso, postos a intervalos de 2-3 días, e  incubados durante 25-31 días. Son frecuentes as postas de reposición. Unha vez nacidos os pitos, serán coidados e alimentados por ambos os proxenitores con alimento regurxitado, que o mesmo pito toma introducindo a súa cabeza no pico dos pais. A independencia dos mozos prodúcese aos 50 días. Alcanzan a madurez sexual aos catro ou cinco anos de idade.

Distribúese polo sur de Europa, Asia, África e Oceanía. Na Península Ibérica vese pola costa e o interior, aniñando esporádica e localmente en encoros. En Galiza obsérvase de medidados de xullo a abril como invernante e en paso. As maiores concentracións danse en localidades moi concretas tanto da costa coma do interior, atopándose en incremento. No interior pasou de 2-3 exemplares nun só encoro ourensán (1981-1985) a preto de 500 en 13 encoros (1996-2000).

O seu hábitat natural é o mariño, pero frecuenta lagoas, esteiros e encoros interiores.

Aliméntase de peixes que captura mentres mergulla. Cando nada mantén a liña de flotación elevada, con tres cuartas partes do corpo baixo a auga. Pasa moito tempo pousado en rocas ou árbores, coas ás abertas para deixar secar a súa plumaxe.

 

Na nosa comarca, temos citas de corvo mariño no encoro de Portodemouros e nos ríos Deza, Arnego e Asneiro, así coma no Pontiñas.

No Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, o Phalacrocorax carbo aparece como “De interese especial”.



Lugar de observación: Paseo do Pontiñas. Lalín. (Xaneiro 2018)

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.