17 Feb
17Feb

Cánido de tamaño pequeno con corpo esvelto e alongado, dotado dunha gran flexibilidade. Cabeza triangular con fociño moi afiado e ramatado en punta. As orellas, sempre erguidas e con mobilidade voluntaria, son grandes, triangulares e de cor negra pola cara externa. Os ollos, pardo alaranxados e coa pupila vertical, están ben adaptados aos hábitos nocturnos e crepusculares. 

Esta especie caracterízase por ter un rabo longo e moi peludo que lle resulta moi útil para estabilizarse na carreira. Úsao tamén como elemento de distracción ante posíbeis enimigos. As extremidades son alongadas e os pés de pequeno tamaño con unllas afiadas e non retráctiles. 

Cando se despraza faino ao trote, coa cabeza baixa. O corpo parece desprazarse de lado e é frecuente que zigzaguee constantemente, escudriñando todo o territorio. Os patróns son de coloración moi variábeis, polo xeral avermellados pero tamén pardos ou cincentros, aínda que con tonalidades vermellas. Teñen un babeiro branco que pode ser crema e que se extende pola cara ventral. Con frecuencia, os exemplares presentes en Galiza teñen o ventre rosado. Na cola distínguese unha mancha branca na punta. No periodo invernal a pelaxe é densa, grazas a unha capa de borra que protexe ao animal do frío cun aspecto descoidado. 

As femias son un pouco máis pequenas que os machos. Machos e femias maduran sexualmente ao ano de vida, no caso de femia pode atrasarse pola prioridade que ten a matriarca do clan, tanto para reproducirse como para escoller o mellor proxenitor. O celo acontece entre xaneiro e febreiro, os machos que viven dentro do clan detectan o cheiro da femia receptiva. Durante este proceso escóitanse os ouveos dos machos e sucédense as pelexas para dirimir quen será o que vai cubrir á femia. 

Neste tempo, as marcaxes con cheiros son moi importantes para a comunicación intraespecífica. Os raposos teñen unha serie de glándulas olorosas repartidas polo corpo, en plantas dos pés, cerca do nacemento da cola pola cara dorsal e uns sacos glandulares aos lados do ano, encargados de producir ese típico cheiro.

A xestación dura 52 días. Mentres dura a crianza, a femia defende o territorio escollido. Alí, no interior dunha das tobas que acostuman a ter numerosas saídas, trae ao mundo entre un a sete raposiños que son aleitados durante unhas cinco semanas. Na crianza colabora o macho achegando alimentación para os pequenos. Os raposos móstranse activos durante a noite desde o serán até o amencer. 

É frecuente que o territorio sexa utilizado por varios raposos do mesmo clan nun mesmo día, pero a distintas horas. As áreas de dominio vital abarcan entre 6-50 quilómetros. O territorio máis grande é cuberto especialmente por machos xuvenís. 

Podémolo atopar en todos os hábitats e alturas, incluso nos parques das cidades. Carnívoro oportunista, aliméntase do recurso máis abondoso de que dispoña, roedores, insectos, lagomorfos e, por suposto, aves e ovos de curral, tamén frecuenta vertedoiros de lixo. 

É unha especie abondosa no noso país.


Lugar de observación: Vilatuxe. Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.