08 Aug
08Aug

Patexa de 29-36 mm., de coloración xeral branca nos machos e algo amarelenta nas femias, que coa idade pode acadar tonalidades acastañadas. A cabeza é arrubiada cunha banda transversal negra por diante dos ocelos. As tibias do 2º e 3º par de patas son brancas e preséntanse en ambos sexos ensanchadas e aplanadas, con aspecto dilatado e folioso. Os apéndices anais superiores dos machos non son bífidos. O rebordo posterior do pronoto das femias presenta un pico central en cada lado pero carece de prominencias laterais dirixidas cara adiante. O abdome presenta unha risca negra desde o segmento 6º ao 9º. Esta coloración negra, que é reducida nos animais novos, vai gañando extensión coa idade.

Habita todo tipo de cursos fluviais, desde os regatos até os grandes ríos que vertebran o país.

Os machos realizan un voo zigzagueante durante a parada nupcial. Non se afastan demasiado da ribeira fluvial, pasan gran parte do tempo pousados agardando o paso dunha presa ou unha parella potencial. Tras a cópula prodúcese unha pausa previa á procura dos lugares de posta no que as femias deixan pendurar o abdome. 

A desova ten lugar en materiais vexetais boiantes caracterizándose por presentarse os ovos inxeridos nunha única fila en zigzag. Os machos empregan as vistosas tibias para enviar mensaxes de advertencia a potenciais adversarios.

O período de voo comprende desde xuño a setembro, polo que, aínda que comparte en moitos casos, medios coa outra doncela patexa, prácticamente se substitúen ao non coincidir no tempo como adultas.

Endémica da península ibérica e do sur de Francia. Moi común e espallada por ser Galiza un país rico en cursos fluviais.


Lugar de observación: Ribeira do río Ulla. Cornella. Berredo. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.