Plantas invasoras de Galiza

¿Qué é unha planta invasora?

Cando unha especie, neste caso da flora vascular, proveniente dunha área xeográfica diferente se introduce de forma intencionada ou accidental nunha área en que se naturaliza, é capaz de reproducirse e propagarse aumentando a súa extensión e afectando dalgunha forma ao ecosistema ao que invade, denominámola especie invasora. 

O proceso das invasións biolóxicas ten tres fases principais:

  1. O transporte: A especie é transportada, de forma intencionada ou non, a unha zona en que non é nativa. 
  2. A aclimatación: Fase na que a especie se naturaliza aínda que non experimenta ningunha expansión.
  3. A propagación e a colonización: A especie propágase o coloniza novas zonas.

A escala temporal destas fases é impredicible. Nun estudo en Alemaña (Kowarik, 1995) calculouse unha media de 147 anos a partir da primeira introdución ata a fase de invasión en especies leñosas exóticas. Nas especies arbóreas esta fase é máis longa que nas arbustivas, e a destas é maior que as herbáceas. 

Isto implica un longo período a partir da aparición dunha especie, ou o seu uso xeneralizado, ata o seu posible comezo da fase de invasión.


¿Cales son as principáis vías de entrada das plantas invasoras?

As plantas invasoras chegan ao noso territorio por causas diversas, unhas veces de forma intencionada e outras non. 

Entre as primeiras están as especies utilizadas en cultivo para alimentación, uso forestal, ornamental ou para outros como forraxes, estabilización de talude, etc.

Entre as especies non introducidas de forma intencionada están as que viaxan con outras especies en mesturas de sementes de baixa pureza. Dáse a circunstancia de que algunhas das especies, por exemplo algunhas das utilizadas en xardinaría, seguen a introducirse polas mesmas vías polas que chegaron orixinalmente.

Poden comprarse, plantarse e expoñerse a unha nova invasión.


Problemática das plantas invasoras

Impacto sobre os ecosistemas - A presenza de elementos estraños aos ecosistemas, como son as especies exóticas invasoras, pode afectar ás condicións ambientais, á cadea trófica e aos ciclos de nutrientes. As condicións ambientais que se ven alteradas con maior frecuencia no caso das plantas invasoras son as de insolación, cantidade e riqueza de humus no horizonte superior do solo, oxixenación e nutrientes nas invasións en medios acuáticos... 

Estes cambios afectan a todo o sistema, incluíndo a fauna, a flora, os solos e o medio. Os polinizadores ou depredadores son algúns dos animais que se ven implicados na mudanza do ecosistema. 

Outros problemas xerais son os relativos á introdución de patóxenos ou especies asociadas coas invasoras, que poden afectar a outros elementos do ecosistema. 

Tamén se describiron efectos de invasoras sobre condicións ambientais especiais en forma de perturbacións periódicas, como os incendios, posto que determinadas especies pirófitas poden favorecer a aparición ou cambio de condicións de incendios forestais. 

Impacto sobre a flora autóctona - Nun estudo recente conclúese que as invasións biolóxicas son a segunda causa de ameaza para as especies, só por detrás da perda ou degradación do seu hábitat natural (Wilcove et al., 1998). Outros autores colocan esta ameaza en terceiro lugar, tras a perda dos hábitats e a fragmentación da paisaxe (Williamson, 1996). 

Nas plantas este efecto negativo sobre as especies nativas prodúcese principalmente pola competencia dos recursos, aínda que existen outros problemas asociados a cambios nas condicións do hábitat: as alteracións do ciclo hidrolóxico, a nitrificación ou efectos indirectos sobre ciclos de perturbación, como os incendios. 

Especies moi sensibles a pequenos cambios ambientais no seu medio vense máis afectadas polas invasións biolóxicas. Estas especies coinciden en gran medida coas de maior interese, caso de gran parte das especies endémicas. Diversos endemismos de zonas costeiras; medios sensibles, como os sistemas dunares ou comunidades pioneiras, poden verse gravemente afectadas. 

Entre outros, prodúcense problemas por hibridación con especies autóctonas, o que deriva nunha perda de diversidade xenética e na aparición de híbridos dos que non se coñece o seu comportamento. 

Tamén os híbridos artificiais, producidos para un mellor aproveitamento forestal ou de xardinaría son potenciais invasoras, como no caso de Crocosmia x croscomiiflora.

Danos socioeconómicos das especies invasoras - As especies invasoras teñen tamén un efecto claro sobre os medios antrópicos. A lista de danos derivados da invasión e o crecemento desmesurado destas poboacións son innumerables. É unha lista diversa que non ten fin e que varía segundo a especie e a localización da invasión. 

O efecto máis obvio para todo o mundo está na aparición de novas malas herbas nos campos de cultivo. Pero existen outros moitos problemas: algunhas especies son tóxicas ou lesivas para o gando, chegando a imposibilitar o desenvolvemento do pastoreo; as plantas acuáticas impiden a rega, inutilizan totalmente portos, canles, lagos, pantanos ou plantas de tratamento e limitan a dispoñibilidade de auga. 

Outras especies causan danos estruturais en edificios, muros, camiños, encanamentos… O establecemento de poboacións monoespecíficas arbóreas aumentou o risco de incendio e reduciu o acceso aos ríos. 

Algunhas especies causaron importantes danos arqueolóxicos ou cuantiosos custos na reparación de infraestruturas destinadas ao transporte de enerxía ou ás comunicacións. 

Alerxias e especies invasoras - Varias especies exóticas presentan características polas que se definen como flora alergóxena. Estas características son as relativas ao seu pole, que pode causar reaccións alérxicas en humanos pola retención dos grans nas mucosas. 

A exina ou parede externa do pole contén diversas substancias proteicas que son as últimas responsables destas reaccións. 

A produción de pole prodúcese nun momento determinado, na floración das especies, concentrada en gran parte na primavera, aínda que tamén hai especies que florecen no inverno, ou máis tarde, no verán-outono. 

As reaccións que provocan son dificultades respiratorias, rinite, conxuntivite, etc., que, máis raramente, poden complicarse en persoas con alta sensibilidade ou problemas de saúde engadidos.

Toxicidade en especies invasoras - A produción de substancias tóxicas por parte das plantas superiores responde a un mecanismo de defensa contra a depredación dos animais. Entre as especies exóticas existen varias que posúen unha toxicidade considerable, dada por diferentes principios activos en diferentes órganos da planta. 

Algunhas, como Tropaeolum majus ou o dondiego (Mirabilis jalapa), presentan toxicidade en toda a planta, pero principalmente nas sementes, con efectos sobre o aparello dixestivo ou o sistema renal. Noutros casos afectan ao sistema nervioso, como a atropina que se atopa no estramonio (Datura stramonium), ou a escopolamina de Datura arborea, en todas as partes da planta. 

Entre outras, son máis ou menos tóxicas Robinia pseudoacacia, Ailanthus altissima, Vinca diff ormis, Ricinus communis e outras.

É necesario coñecer os posibles efectos tóxicos destas especies para a súa xestión.


Preme aquí para consultar o catálogo de plantas invasoras de Galiza: Plantas invasoras de Galicia.pdf