Unha comunidade de lirio amarelo no Rego de Quintela


Unha comunidade de lirio amarelo no Rego de Quintela

Visitando recentemente a Fraga de Catasós, achegámonos ao Rego de Quintela, que bordea dita fraga pola súa marxe oriental. Durante o noso percorrido, atopamos unha comunidade de lirio amarelo (Iris pseudacorus), tamén coñecido en galego como “Espadana”, “Abolla” ou “Lirio das charcas”, entre outros.

Esta planta medra en zonas húmidas ou asolagadas nas beiras de regatos, lagoas ou encoros ata os 700 metros de altitude e prospera axiña por rizoma e por sementes espalladas pola auga.

Ademáis da beleza da súa flor, esta planta presenta múltiples propiedades. Antigamente tiña usos medicinais e chegou a empregarse coma emética, adstrinxente e como vermífuga. Tamén se ten usado nas dores de dentes, fregando os mesmos cun anaco de raíz. Incluso as súas sementes chegaron a utilizarse, unha vez tostadas, coma substituto do café.

De tódolos xeitos, debemos advertir que esta planta contén “irisina”, unha substancia tóxica que pode ser perigosa, polo que non se recomenda a súa inxesta en ningún caso sen os coñecementos adecuados.

De feito, a raíz e as follas desta planta, como xa comentamos cando a clasificamos na web, son tóxicas para o gando.

Outra das particularidades desta planta é a sua utilización para a depuración de augas, sendo unha das mellores plantas filtrantes que podemos atopar na natureza.

Entre outras, a Iris pseudacorus utilízase actualmente na restauración de humidais ou lagoas e tamén en sistemas de fitodepuración e depuradoras biolóxicas, xa que a maiores do seu poder absorbente de metais pesados, aporta unha gran osixenación á auga (sobre todo se a planta se mantén en flotación).

Foto: www.depuraciondeaguas.com

Unha planta que á vez que fermosa, aporta múltiples beneficios ao medio.

Tagged:  #Iridaceae