Flora exótica invasora no Deza


Flora exótica invasora no Deza

Do mesmo xeito que en moitas outras zonas de Galiza, a nosa comarca non se libra da presenza de especies exóticas invasoras que representan un gran perigo para a nosa flora autóctona e os nosos ecosistemas. 

As especies invasoras son especies transportadas e introducidas polo ser humano en lugares fóra da súa área de distribución natural e que conseguiron establecerse e dispersarse na nova rexión onde resultan daniñas, producindo cambios importantes na composición, a estrutura ou os procesos dos ecosistemas naturais, poñendo en perigo a diversidade biolóxica nativa.

Estas invasións levan asociadas varios problemas. A nivel ecolóxico destaca a perda de diversidade autóctona e a degradación dos hábitats invadidos. Economicamente son importantes os efectos directos sobre as actividades agropecuarias e a saúde pública. Unha vez detectada a invasión, o seu control e erradicación son custosos e non sempre posibles. Identificar os invasores potenciais e evitar o seu establecemento é o mellor camiño para frear un problema que incrementa ao mesmo ritmo que a globalización.

Eiquí indicamos algunhas das plantas invasoras asentadas en maior ou menor medida na nosa comarca:


ACACIA DEALBATA. A MIMOSA.

De todos e todas é ben coñecida a presenza das "mimosas" (Acacia dealbata) no Deza, unha árbore que se rexenera facilmente a partir de sementes e tamén por reabrollamento tras a corta. As sementes son resistentes e forman un banco que pode permanecer no solo durante un longo período de tempo, e xermolar tras unha perturbación ou incluso tras un incendio.

Consultar ficha eiquí: (Ver ficha)

Introduciuse para uso ornamental e, en menor medida, para explotación forestal. Tamén se utilizou para fixar noiros ou como especie melífera. Aínda que probablemente se introduciu moito antes, as primeiras citas da especie naturalizada en Galicia son de 1945.

O control mecánico non é unha alternativa moi eficaz para a erradicación desta especie. Para eliminar poboacións constituídas por individuos xuvenís, tradicionalmente recoméndanse actuacións con tractores, como a rozadura por cadeas ou o arranque de individuos. Porén, o uso de maquinaria pesada provoca unha evidente perturbación no medio, e o seu uso deberíase restrinxir a zonas xa alteradas.

Existen moitas posibilidades de levar a cabo un control químico, cuxo éxito vai depender do tamaño da árbore. Contra individuos de troncos de ata 15 cm débese pulverizar a base da planta ata os 30 cm, podendo chegar a unha altura superior en árbores de maior tamaño. Outra posibilidade é cortar o tronco e aplicar o máis axiña posible (15 segundos) herbicidas contra o reabrollamento de tocos.


CORTADERIA SELLOANA. OS PLUMACHOS.

Cada vez máis extendidos, podemos atopar xa en moitas zonas os perigosos "plumachos, penachos ou herba da Pampa" (Cortaderia selloana). 

Esta especie propágase principalmente a partir das miles de sementes que pode producir cada planta feminina, e que son dispersadas a longa distancia polo vento. Propágase ademais de forma vexetativa pola fragmentación da cepa.

Ten capacidade de modificación do hábitat pola importancia da súa estrutura vexetativa e é posible que se trate dunha especie pirófita que colabore coa propagación de incendios e colonización despois do lume.

Introducida polo seu uso ornamental, séguese utilizando normalmente en xardinaría e como barreira visual en autoestradas. En Galicia as citas como naturalizada son moi recentes, de arredor de 1980.


Ver ficha da especie eiquí: (Ver ficha)


Ademáis das especies citadas anteriormente, débese prestar especial atención ás seguintes, que tamén están presentes na nosa comarca e que de non actuar con celeridade e contundencia, poden chegar a converterse nun grave problema.


CROCOSMIA X CROCOSMIIFLORA.

A Crocosmia x crocosmiiflora, por exemplo, é unha das plantas invasoras máis difíciles de controlar, especialmente cando se trata de eliminar poboacións extensas e establecidas. Moi estendida polas zonas costeiras de Galiza, con comportamento claramente expansivo, invade medios naturais como os ameneirais, onde pode formar horizontes monoespecíficos limitando outras especies autóctonas. 


Está considerada unha invasora en gran parte de Europa. Na nosa comarca podemos atopar exemplares dispersos, coma o da fotografía anterior tomada en Lalín, e tamén en xardíns utilizada como planta ornamental. Parece que de momento non representa un grave problema no Deza, pero compre eliminala das zonas onde se atope de xeito espontáneo e sobre todo non facilitar o seu espallamento en xardíns.

Gosta principalmente de medios alterados nitrófilos, próximos a zonas habitadas pero tamén en ambientes sombríos, principalmente fragas mixtas de ribeira, ameneirais e salgueirais. Necesita solos frescos, tolerando inundacións temporais que poden favorecer a súa expansión por diseminación dos talos subterráneos.

Ver ficha da especie eiquí: (Ver ficha)


OENOTHERA GLAZIOVIANA. A HERBA DO ASNO.

Tamén está presente na nosa comarca a chamada "herba do asno ou boas noites", a Oenothera glazioviana. Parece ser que a súa orixe é por hibridación espontánea en xardinaría. Os parentais son orixinarios de Norteamérica.

Oenothera glazioviana

É unha especie invasora en moitos lugares do mundo, de Europa e da península Ibérica, que parece estar en expansión en Galicia. No Deza é común atopala en cantidade nas beiras das estradas.

Ver ficha da especie eiquí: (Ver ficha)


VINCA DIFFORMIS. A SEMPRENOIVA.

Outra das especies comúns é coñecida como "cangroia ou semprenoiva", a Vinca difformis. Unha planta que procede do Mediterráneo oriental e central. Segundo alguns autores é autóctona da Península Ibérica (aínda que parece moi improbable en Galiza) e segundo outros é un arqueófito (introdución anterior a 1500) na península Ibérica. En Galicia coñécese desde 1852, citada por Planellas.


Propágase vexetativamente por estolóns, e tamén por semente. No noso país invade medios naturais e é posible que cause unha competencia con especies autóctonas.

Esta planta non é especialmente difícil de controlar, xa que non forma estruturas de resistencia. Porén, Vinca difformis pódese establecer cunha densa cobertura sobre plantas nativas. Nestes casos é moi difícil que as tarefas de control non afecten ás plantas que se queren conservar.

Por outra parte, e debido á gran capacidade de reabrollar que posúe, recoméndase revisar as zonas en que a planta sexa eliminada polo menos dúas veces ao ano (en outono e primavera).

Tamén podemos atopar a Vinca major que ten flores de maior tamaño e dentes do cáliz máis longos. 

Naturalízase con menos frecuencia, igual que Vinca minor, de flores menores e dentes do cáliz triangulares.


BUDDLEJA DAVIDII. O LILAR OU ARBUSTO DAS BOLBORETAS.

Tamén temos presente na nosa comarca, e ademáis en expansión, a coñecida como "Lilar ou arbusto das bolboretas", a Buddleja davidii e Buddleja davidii variedade Alba. Trátase dunha planta que provén de China central, de zonas de montaña con altitudes de ata 3.000 m.

Buddleja davidii

En xardinaría obtense facilmente de semente, pero descoñecemos a importancia da reprodución sexual nas plantas naturalizadas. Segundo algúns autores, estas reprodúcense principalmente por semente. 

Describiuse a posible dispersión destas sementes polo aire ou vehículos de motor, e poden permanecer no banco do solo durante bastante tempo. Tamén enraízan ben os gallos, que se poden desprazar pola corrente en cursos de auga.

Utilízase como ornamental e esta é a causa da súa introdución. Introduciuse en Inglaterra en 1890. A primeira cita galega como naturalizada é de 1983 en Ourense cidade. 

Aparece principalmente preto de zonas habitadas, en medios alterados como támaras ou cunetas. En ocasións en medios seminaturais, como pasteiros ou marxes de matogueiras. Noutras zonas, en ambientes riparios.

O control mecánico desta planta é unha tarefa difícil que non vai resultar efectiva. Se as plantas son cortadas, reabrollarán con moito máis vigor, empeorando a situación, de tal forma que isto é algo que non se debe facer, a non ser que a sega das plantas vaia seguida da aplicación dun tratamento químico.

Por outra parte, esta planta produce grandes cantidades de semente e ademais compite moi eficazmente en terreos alterados ou perturbados. A consecuencia destas dúas características é que a retirada manual tampouco vai ser efectiva, xa que se incentiva a xermolación das sementes que colonizarán a gran velocidade o terreo. De feito, e como conclusión, desaconséllanse as técnicas de control mecánico polo perigo que implican, a non ser que se poida repoboar a zona con especies desexables nun breve período de tempo.

Esta planta é susceptible a aplicacións de calquera herbicida para malas herbas de folla longa ou non específico, utilizando as doses recomendadas polo fabricante. Aínda así, o tratamento foliar desta planta non é moi aconsellable, dado o risco de danar outras plantas nativas. A mellor opción é usalo como complemento do control mecánico.


¿COMO INFORMAR SOBRE A PRESENZA DE ESPECIES INVASORAS?

A Rede de alerta temperá de Galicia actúa como un dos puntos focais que deberá informar respecto da aparición e detección de novas especies exóticas que ocorran no noso territorio á Rede nacional para a vixilancia de especies exóticas invasoras.

O obxectivo desta Rede é a de servir como soporte territorial que recolla, coa maior brevidade posible, información sobre a aparición de novas especies exóticas no territorio galego, ou a aparición de especies exóticas coñecidas para Galicia en lugares onde nunca se citaron anteriormente (primeiras citas), permitindo unha resposta rápida para a erradicación das especies invasoras.

IMPORTANTE: Este medio non é adecuado para comunicar a presenza de especies exóticas invasoras de ampla distribución no noso territorio ou que levan moito tempo establecidas.

Poden colaborar coa Rede todas aquelas persoas que queiran de xeito voluntario aportar información da súa contorna coñecida ou dos lugares que visita de maneira puntual. 

O envío da información realizarase mediante unha ficha de aviso temperá, que recolle especie, data de detección, coordenadas, se se pode, co sistema de referencia utilizado, o tipo de hábitat afectado e outros datos que poidan resultar de interese. Sempre que sexa posible, será de gran axuda proporcionar unha foto cunha referencia de tamaño (como unha moeda, por exemplo).

Eiquí poderedes descargar a ficha de aviso en formato word. para poder introducir os datos de xeito sinxelo: (Descargar ficha de aviso temperá)

Unha vez cuberta, deberá enviarse a esta dirección de correo electrónico: biodiversidade2.cma@xunta.es