Sobre os cabalos do monte, as rapas, o lobo e o beneficio mutuo



Sobre os cabalos do monte, as rapas, o lobo e o beneficio mutuo.

Hoxe (15/03/2018), recolle un titular do Faro de Vigo, edición Deza-Tabeirós a seguinte información: “O mal estado do monte e os lobos malogran as bestas da Rapa, que urxe axuda ao Concello e Xunta”.

Nos tempos que corren e coa sensibilización crecente que existe cara a protección e conservación do patrimonio natural, sería un erro gravísimo poñer na picota ao lobo e botarlle en riba unha parte dos problemas polo que pasan as bestas do monte (camiño da residualidade pola burocracia imposta). Analizando e facendo unha reflexión sobre todo o que implica esta singular maneira de ter cabalos, e do que son as Rapas, así como do que debe ser o presente e futuro na protección do lobo, a mellor maneira de preservar e darlle pulo á singularidade  na que viven estas eguas, certamente o fan nun estado “case salvaxe e de liberdade”, é entender a figura do lobo coma un elemento aliado, esencial, que “aproxima” o máximo posible a estes cabalos a unhas condicións semellantes ás propias que terían lugar nunha situación natural inalterada, a propia das relacións de coexistencia entre depredador-presa do mundo animal, e que isto suceda no continente europeo só pode ser entendido coma algo fascinante.

(Bestas no Testeiro, Xullo de 1993. Foto: Martiño Nercellas)

De seguro que asumir con normalidade que os lobos están aí dende fai miles de anos, así coma contar coa posibilidade de seguir mantendo cabalos coma fai séculos e poder aproveitar dita sinerxía, pasa por ser un grande revulsivo e un auténtico reforzo de tan singular expresión de tradición popular e cultural, única en Europa, situando as Rapas tamén coma un evento popular de extraordinario interese cultural beneficioso para o mantemento e enriquecemento do patrimonio natural e cultural do continente.

O foco do problema ten unha orixe ben diferente e moito máis preocupante. O lobo non debe ser empregado coma habitual chibo expiatorio. As bestas, as súas históricas greas, pasan probablemente polo peor dos seus momentos, e de continuar as causas negativas que lles afectan, nun escenario de poucos anos (nun horizonte dunha década), van camiño da súa desaparición. A burocracia dende os despachos deixa sen opcións a posibilidade de facer viable a presenza dos besteiros e das bestas. A aplicación inadecuada dunha norma Europea para identificar a estes animais, fixo que na práctica, a súa xestión resulte ilóxica e chea de trabas administrativas, onde as autoridades non souberon ser quen de entender e/ou explicar a excepcionalidade do que son os cabalos do monte e como se manexan dende a mínima e moi puntual intervención humana. Ben puideron incluír a este tipo de gandería -(pode que esa denominación incluso nin resulte a máis adecuada, cando un comprende o que son estas greas)- dentro das excepcionalidades previstas na norma e, así, adoitar solucións alternativas de identificación. Sinxelamente semella que non lles deu a gana de formular outras opcións a pesar das múltiples denuncias e voces en contra. Esta contrariedade continuou sendo alimentada, nos sucesivos anos e ata hoxe, por unha manifesta desatención da administración á hora de fomentar e apoiar fórmulas para que non acaben desaparecendo.

(Egua e potro no Testeiro. Ano 1993. Foto: Martiño Nercellas)

Cabe defender que este tipo de animais que vagan en liberdade por moitos planos altos e valgadas das serras galegas, aportan uns "servizos ambientais/verdes" de incuestionable valor. Precisamente a PAC (Política Agraria Comunitaria) permite abrir liñas prioritarias de axudas por "pagos verdes" destinadas a preservar actividades no campo que aportan unha contribución especial á riqueza natural europea, da que besteiros e greas ben poden beneficiarse. ¿Por que non se activan xa medidas e liñas neste sentido?. As administracións deben fixarse en coidar esta continuidade das greas no monte e as súas Rapas, pois o retorno en beneficios ambientais múltiples que aportan, superan con moito os investimentos necesarios para facelo.

Todas e todos debemos ter presente que o lobo é unha parte "inseparable" da natureza dos nosos montes, e non deben desaparecer ou ser perseguidos, para tratar de manter actividades que teñen as súas doenzas noutras problemáticas. Mal iríamos de necesitar desnaturalizar o noso territorio, baleiralo da nosa riqueza natural, para fomentar unha tradición que pretende precisamente conxugarse cunha maneira de ter os animais nas condicións “máis naturais posibles nos nosos montes", que para ben ou para mal foron ou son substitutos de herbívoros salvaxes, pero que forman parte dunha tradición na que o tempo demostra que lobos e cabalos levan convivindo xuntos moitos séculos.

(Lobo nunha serra galega. Ano 2015. Foto: Martiño Nercellas)

O orgullo da Rapa das Bestas debe alimentarse tamén coa satisfacción de que eses pequenos e rudos cabalos, curtidos nos altos das serras galegas, adaptados a defenderse organizados na unión que supón a organización da grea, coexisten días e noites no contacto cos lobos: e esta singularidade hai que ensinarlla tamén ao Mundo, tratándose dun feito que fai destes cabalos un elemento patrimonial aínda máis universal e con "denominación de orixe galega”. 

Aínda que pareza incoherente, hoxe o lobo pode ser o principal aliado para defender/reclamar que as bestas dos nosos montes e a súa tradición, sexan "recuperadas" por unha administración que se esqueceu fai tempo delas.

Artigo e fotografías: Martiño Nercellas Méndez (Biólogo)

Tagged:  Martiño Nercellas

Comentarios: Deixe un comentario

* O correo electrónico non será publicado na web.