07 Mar
07Mar

Pisaura mirabilis é unha especie de araña da familia dos pisáuridos de cor pardo con franxas lonxitudinais claras no dorso, que se alimenta de pequenos insectos que atrapa sen construír telarañas, tanto no chan como na vexetación baixa.

A femia pode alcanzar os 15 milímetros de lonxitude, mentres que o macho apenas supera o centímetro. Os machos presentan os palpos engrosados nos extremos.

O macho desta especie ofrece alimento en forma de agasallo ás femias coa finalidade de conseguir aparearse. Algúns finxen a morte, mantendo os alimentos na boca, e cando a femia se achega e trata de coller a comida, o macho salta tras ela para buscar o apareamiento. Este é un exemplo dun comportamento inicialmente utilizado para protexerse dos depredadores e que a araña conseguiu adaptar a un novo propósito.

A estratexia de facerse o morto aumenta a máis do dobre, as probabilidades de conseguir con éxito a copulación, do 40% ao 89%.

Esta araña leva a ooteca cos seus quelíceros ata que chega o momento da eclosión, e entón a fixa ás herbas e tece ao seu redor unha rede de alimentación, onde as crías crecen ata que se independizan.

Distribúese por xardíns, parques e praderías, chegando a ser numerosa nas partes baixas dos vales. Nalgunhas ocasións, pode buscar acomodo nas vivendas dos seres humanos.


Lugar de observación: Ribeira do río Deza. Taboada. Silleda.


Vídeos en Youtube de Pisaura mirabilis:

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.