Xeoloxía e litoloxía


Xeoloxía e litoloxía

En liñas xerais, a xeoloxía presenta unha predominancia de materiais xistosos e filíticos, antigos (principalmente de idade ordovícico-silúrico) e pouco resistentes, que se localizan no centro da Comarca. Xunto a eles dáse a presenza de materiais magmáticos como os granitos asociados ás Serras Centrais de Galicia, ou os situados no norte da Comarca, destacando os enclaves illados de dúas micas que compoñen relevos residuais. 

Pola súa banda, os materiais sedimentarios redúcense aos depósitos aluviais e aos restos erosivos do afloramento granítico de dúas micas da parte suroriental da Comarca. Atendendo á súa clasificación xeolóxica, dentro da antiga cordilleira de pregamento coñecida como Macizo Ibérico constituído por rochas proterozoicas e carboníferas, deformadas e intruidas por plutóns graníticos antes do Pérmico e que constitúen o substrato de gran parte do noroeste peninsular, no que se atopa Galicia, a Comarca de Deza encádrase na zona IV definida por Matte (1968) como “Galicia media – Tras os Montes”; dentro da cal poden definirse claramente os seguintes dominios:


DOMINIO DOS COMPLEXOS ALÓCTONOS

Unidade de Santiago - Lalín: Localízase na parte centro oriental da Comarca, e presenta unha constitución dominada por anfibolitas, ortogneises, rochas calcosilicatadas e metasedimentos con grandes cristais de feldespatos. Esta unidade cabalga sobre materiais xistosos autóctonos ou parautóctonos.

Dominio do Complexo de Ordes: Encádrase no NO da Comarca e nel recoñécense dúas series:

Serie de Ordes: Composta por xistos e paragneises.

Unidade Vila de Cruces: Na zona setentrional da comarca e está formada por metabasitas e xistos albíticos e grafitosos, que presentan un baixo metamorfismo en facies de xistos verdes.


DOMINIO XISTOSO (PARAUTÓTOCTONO)

Dominio xistoso de Galicia Tras Os Montes: É o máis estendido na Comarca. No caso da comarca abarca os grupos de Paraño e Nogueira, grupos que bordean a Unidade Santiago- Lalín, tamén pertencente á Zona de Galicia-Tras Os Montes, e que conforma un dos complexos máficos e ultramáficos, tamén coñecidos como –complexos alóctonos-, que forman o substrato da parte centro oriental da comarca e que cabalgan sobre materiais xistosos. 

Componse principalmente por metasedimentos xistosos con intercalacións de cuarcitas, anfibolitas, liditas e metavulcanitas ácidas. 

Debido ao seu axeitamento aos requirimentos da análise xeolóxica da Comarca de Deza, caracterízanse os grandes grupos litolóxicos presentes seguindo o esquema realizado no Plan de Desenvolvemento Comarcal.

Dentro do grupo caracterizado como Metasedimentos, na zona recoñécese unha variada tipoloxía de xistos pertencentes aos diferentes dominios presentes na Comarca. Así, os xistos que xunto cos paragneises forman parte da Unidade de Lalín, caracterízanse polas frecuentes intercalacións de orto e paraanfibolitas. Presentan xeralmente coloracións escuras e aspecto ocelado, e son comúns os lentellóns de escala centimétrica e decamétrica de rochas calcosilicatadas.

Pola súa banda, os metasedimentos pertencentes á Unidade de Vila de Cruces, conforman unha potente serie xistosa con baixo metamorfismo, que comprende xistos albíticos e grafitosos, xistos verdes derivados de vulcanitas básicas, xistos gris azulados intercalados dentro de xistos verdes e xistos micáceos e cuarcíticos do Dominio Xistoso de Galicia Tras Os Montes. 

No grupo das rochas metamórficas destacan os ortogneises, que á súa vez agrúpanse en dous tipos diferenciados: os ortogneises biotíticos, intercalados na unidade de Lalín, que poden presentar facies de gran fino ou granular, aínda que ámbalas dúas consisten nun agregado granoblástico de seixo e feldespatos colocados en capas e lentiñas de seixos que son responsables da súa foliación; o segundo grupo, correspondente aos ortogneises de dúas micas, caracterízanse pola súa natureza ígnea e a súa textura blastoporfídica e estar fortemente recristalizadas, compostas por seixo, albita-oligoclasa, microclina, biotita e moscovita, destacando neles a presenza de minerais accesorios como o apatito, o granate e a fibrolita. 

As anfibolitas, representantes das rochas metamórficas básicas da Comarca, presentan distintas características dependendo do Dominio no que se atopen. 

No Complexo de Ordes afloran tres tipos principais: en facies granulita, en facies das anfibolitas con almandino e en facies de xistos verdes. Todas elas presentan tonalidades xeralmente escuras, verdes, con granulometría entre media e grosa. 

Pola súa banda, as anfibolitas incluídas no Dominio Xistoso de Galicia Tras Os Montes aparecen interestratificadas nos xistos micáceos e cuarcíticos. Nese caso a súa composición mineral principal consiste en plaxioclasa ácida alterada a sericita, epidota e opacos, anfíbol verde de tipo actinolita e moscovita, esfena e apatito como minerais accesorios. 

As anfibolitas encadradas na Unidade de Lalín intercálanse na serie metasedimentaria, interestratificadas cun espesor moi variable. 

As rochas plutónicas están representadas por granitos sincinématicos (granitos de dúas micas e os calcolacalinos) e postcinemáticos (macizo de Fontao ou Carboeiro-Fontao). Os granitos de dúas micas, que forman extensos afloramentos na Comarca, principalmente na metade oriental, constituídos de seixo, feldespato potásico, plaxioclasa, moscovita e biotita, e accesoriamente de apatito, sillimanita e granate. 

As granodioritas con megacristais son outro dos tres grupos das rochas hercínicas clasificadas como plutónicas; e están compostas principalmente por seixo, plaxioclasa, feldespato potásico e biotita, con apatito circón e opacos como minerais accesorios. 

O terceiro grupo das rochas plutónicas que aparecen na Comarca é o integrado polos granitos en complexos graníticos, que malia o pequeno afloramento que constitúen nas proximidades de Fontao, presentan unha grande complexidade, recoñecéndose ata catro facies diferenciadas. 

As migmatitas soen localizarse no extremo noroccidental da comarca, e máis concretamente na parroquia de Manduas (Silleda) e arredores. Estas rochas transición continua das rochas metmórficas a plútonicas. Dentro deste grupo destacan as diatexitas e o granitoide inhomogéno, que son rochas prevariscas. 

Dentro das rochas sedimentarias, o estudio xeolóxico para o Plan de Desenvolvemento Comarcal do Deza distingue as de natureza silícea como aquelas que flanquean o afloramento granítico de dúas micas da parte sudoriental da Comarca. Compóñense por cuarcitas en bancos delgados e ampelitas negras, con niveis de xistos intercalados. 

Finalmente, este mesmo traballo recolle o grupo de materiais detríticos de idade cuaternaria, englobando un conxunto de depósitos fluviais de escaso espesor, incluíndo tanto os coluvións, nas chairas do oeste das Serras do Faro e Farelo; como as chairas aluviais e fondos de val e solos fluviais, máis frecuentes no val do Deza – Asneiro.

En canto á composición química dos materiais presentes, correspóndese maioritariamente cunha composición básica asociada aos devanditos materiais, sen embargo, existen afloramentos puntuais de rochas ultrabásicas: peridotitas e serpentinitas, localizados principalmente no norte da Comarca. Así, as peridotitas que en orixe estaban formadas por olivino e piroxeno, foron serpentinizadas e cloritizadas, presentando polo xeral tonalidades escuras e gran grosor.

A súa localización puntual non presenta influencias claras na paisaxe, exceptuando a extracción mineira de serpentinitas e áridos de Campo Marzo, onde se atopa o maior afloramento destes materias básicos, a correspondente tonalidade escura das rochas.

No que á edafoloxía e á vexetación se refire, a presenza de materiais básicos pode asociarse á existencia de solos pobres que acadan tonalidades avermelladas nos terreos labrados, así como a escaseza xeral dunha estratificación vexetal natural ben desenvolvida e a posible presenza dalgúns taxóns de flora especializados e resistentes a solos cun alto contido en Fe e Mg. 


HIDROXEOLOXÍA


A baixa permeabilidade das rochas presentes, tanto dos granitos como dos metasedimentos, así como o escaso desenvolvemento dos depósitos cuaternarios, non deixan lugar á formación de acuíferos de importancia. 

Os mananciais máis importantes parecen situarse nas áreas graníticas, a pesar da súa impermeabilidade, pero o desenvolvemento de mantos de “lem” formados pola súa alteración in situ, e o sistema de diaclasas que os atravesan aumentan de xeito considerable as posibilidades de almacenamento e circulación das augas subterráneas. 

Nos substratos metamórficos as zonas con maiores aptitudes para o almacenamento de auga coinciden coas áreas de formación dos solos máis potentes, xeralmente nos dominios do Complexo de Ordes e da Unidade de Lalín. En todo caso, as augas subterráneas presentan caudais moi limitados, como tamén son escasas as surxencias e mananciais polos que aflora o nivel freático.


XEOMORFOLOXÍA


A dominancia de materiais metamórficos, pouco resistentes, orixina que a maior parte da Comarca presente unha orografía marcada pola sucesión de superficies achairadas a diferentes alturas, que ascenden progresivamente de noroeste a sueste en chanzos, dende os 100 ata os máis de 1100 metros. 

Aínda que esta ven sendo a tónica dominante no relevo de Deza, cómpre diferenciar en canto a este factor, cando menos tres grandes áreas xeomorfolóxicas: a primeira ocupa a meirande parte das cuncas hidrográficas dos ríos Deza e Arnego, que se corresponde coa superficie maioritaria da Comarca; a zona norte e noroeste, diferenciada polo seu marcado carácter granítico dentro do contexto xistoso circundante; e ás áreas montañosas asociadas ás Serras Centrais de Galicia que ocupan os rebordes da metade meridional e oriental da zona de estudio. 

O centro da Comarca Paisaxística de Deza asóciase, en canto á súa xeomorfoloxía, coa imaxe anteriormente sinalada dun conxunto de superficies achaiadas e dispostas en banzos. 

A singularidade principal de esta unidade xeomorfolóxica radica na súa composición litolóxica xistosa, formada por rochas pouco resistentes e facilmente erosionables. Sobre estas áreas desenvólvense as bacías dos principais afluentes do río Ulla pola esquerda: o río Arnego e o Deza, ambos con dirección predominante SE-NO. 

O resultado é unha paisaxe caracterizada pola pouca mobilidade do relevo e pola bidimensionalidade, xa que os cursos fluviais case que non inciden na orografía e describen cursos meandriformes ao longo dos vales. Son importantes aquí as manifestacións de depósitos cuaternarios, os glacis e as formacións de chairas aluviais, moi destacables en paisaxes como a da parroquia de Fiestras (Silleda) ou no Val de Camba. As liñas suaves e lixeiramente ondeadas son a nota predominante. 

Trátase das áreas máis aptas para a súa ocupación humana, tanto polo fácil acceso como pola densidade da irrigación e a dispoñibilidade de auga e o maior desenvolvemento do solo. Outras zonas destacadas neste senso son o val medio e baixo do Toxa e a zona próxima ao núcleo de Lalín.

No medio deste contexto destaca especialmente unha pequena franxa do noroeste Comarcal, asociada a unha litoloxía de orixe magmática, moito máis resistente, onde a intensidade tectónica e a mobilidade do relevo pasan a ser características esenciais na estrutura da paisaxe. Unha das manifestacións máis salientables deste tipo de relevo é o encaixamento dos ríos ao longo das liñas de fractura que percorren os granitos, formando sucos angostos que salvan os fortes desniveis entre chanzos formando fervenzas, algunhas delas tan senlleiras como a do río Toxa, en Silleda. 

Os relevos illados residuais como o Monte Carrio, son outra das manifestacións xeomorfolóxicas asociadas aos materiais de natureza ígnea do norte da Comarca; como no caso do Carrio, composto por resistentes granitos de dúas micas. Estes relevos conforman áreas de referencia paisaxística, destacando en canto á súa morfoloxía e ocupación no medio que as rodea. 

A cabalo entre estes relevos e as serras da Comarca esténdese unha lingua de terreo elevado dificilmente clasificable. Disposto en dirección suestenoroeste entre O Faro e o Carrio, acada unha altura relativa suficiente como para demarcar o límite entre as cuncas do Deza e o Arnego, recoñecéndose fitos montañosos como o Alto da Rocha (813 m.) en Penas Recentes, o Alto de Nespereira (716 m.), O Pedrouzo (736 m.) e monte Costado (745 m.). A súa aridez débese á súa altitude relativa, ao seu carácter granítico, á súa exposición ao vento e sobre todo, á súa condición de interfluvio, o que como se verá, ten importantes implicacións paisaxísticas no conxunto do Deza. 

As paisaxes montañosas vinculadas ás Serras Centrais de Galicia agrúpanse en canto ás características comúns da súa contrastada altitude relativa e da súa continuidade, aínda que existen grandes diferenzas no seu seno, o que permite establecer unha zonificación que atende fundamentalmente a motivos de composición litolóxica e, consecuentemente, á súa morfoloxía. 

Así, as áreas montañosas do reborde leste identifícanse polos seus cumios alombados e pola suavidade das súas ladeiras, característica extensible á maioría das serras graníticas. Por outra banda, as serras que pechan a Comarca polo sur presentan unha marcada tridimensionalidade e dinamismo morfolóxico, como consecuencia da predominancia dos materiais xistosos que a compoñen.

As serras orientais da Comarca de Deza supoñen a continuación da linealidade N-S marcadas polas Serras Centrais de Galicia, e conforman unha barreira que seguindo esta disposición ascende dende os 900–1000 metros da Serra do Farelo e da Serra da Cabeza (Cima do Farelo, 952 m.; A Cabeza, 966 m.) ata os preto de 1200 m. da Serra do Faro (O Faro, 1181 m.), separados ámbolos dous conxuntos pola inflexión que supón o paso do Val de Camba. En xeral, trátase de serras con cumios lixeiramente aplanados e ladeiras con pendentes moderadas, nas que os cursos fluviais presentan escasa incidencia no relevo. Ademais, son frecuentes os afloramentos rochosos coas formas erosivas asociadas: bolos, castelos, pías...

Na Serra do Faro, dentro das Serras Centrais de Galicia, rompe a súa disposición meridiana dominante e marcan unha inflexión cara ao oeste, para logo retomala na unión coas Serras de Avión e do Suído, debuxando deste xeito a liña divisoria de augas entre a cunca media do río Miño e a bacía do Ulla, na que se sitúa a Comarca de Deza. Esta viraxe de disposición do relevo das Serras Centrais de Galicia ten no Monte da Pena de Francia o seu primeiro fito relevante (914 m.), que se continúa ata o recuncho sudoeste cos Montes do Testeiro e a Serra do Candán, esta última recobrando a direccionalidade meridiana e ascendendo cara ao norte ata topar cos relevos graníticos máis suaves da Serra de Penas, transición aos banzos máis baixos da Comarca. Estes relevos móvense entre altitudes de 700- 900 metros, superándoas nos cumios do Monte Coco (969 m.) e do Candán (1015 m.).

En xeral, trátase dun relevo fortemente compartimentado, froito da intensa actividade tectónica da zona pero, sobre todo, da potente incisión fluvial producida polas primeiras canles dos principais ríos da Comarca sobre os erosionables xistos. Logo, as pendentes pronunciadas e a tridimensionalidade conforman a compoñente estrutural máis representativa da paisaxe destas zonas, destacando os vigorosos montes, as torrenteiras de ladeira e os angostos vales das cabeceiras fluviais. 

Nas áreas montañosas máis elevadas é posible recoñecer ademais, os escasos restos de erosión periglacial producida nestas montañas durante o cuaternario. É importante destacar que da particular disposición do relevo na Comarca de Deza e da extensión das principais serras a modo de barreira nos rebordes leste e sur, se derivan importantes consecuencias sobre outros factores xeográficos, principalmente no que se refire ao clima, á bioclimatoloxía e, por extensión, aos usos do solo e á ocupación do territorio. 

Así, cara ao extremo oriental da Comarca, a barreira conformada polas Serras Centrais de Galicia, orientadas a barlovento, actúan retendo as masas de aire cargadas de humidade procedentes do océano e canalizadas a través dos principais vales fluviais. Ao mesmo tempo, esta singular disposición deixa a ladeira do Deza destas serras, orientada principalmente a solaina, favorecendo a ocupación humana. Do mesmo xeito que nos Montes do Testeiro e no Candán, as ladeiras que forman parte da Comarca oriéntanse principalmente ao avesedo, diminuíndo a intensidade de uso nestes terreos. 

Os vales encaixados, especialmente no sector noroccidental, presentan así mesmo gran influencia para o clima e as súas consecuencias derivadas, ao actuar como canles a través das cales penetra o aire cálido e húmido da costa no interior. Nalgúns casos, grazas ao efecto de embolsamento destas masas de aire, persisten relictos vexetais como as sobreiras do Arnego e do Toxa. Por outra banda, como efecto derivado do relevo, cabe mencionar a prolongación das superficies elevadas dende O Faro cara ao noroeste ata ao Monte Carrio, que forma un marcado interfluvio entre as bacías dos ríos Deza e Arnego, con importantes implicacións na paisaxe da Comarca de Deza.


Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)