Hidroloxía


Hidroloxía

A auga forma parte indispensable na configuración de calquera paisaxe a todos os niveis, ben como axente modelador das formas do terreo ou como factor condicionante da presenza e distribución da flora e fauna e dos asentamentos e actividades humanas. 

Dende tempos remotos o ser humano colonizou os vales, xa que a auga é un recurso necesario para o desenvolvemento dunha sociedade. Por iso, a análise deste recurso natural fundamental para a vida, antóllase imprescindible para a comprensión da dinámica paisaxística na Comarca de Deza.

Neste apartado polo tanto, consideramos tan só as masas de auga e as formas derivadas de procesos naturais, sen ter en conta a intervención do ser humano agás naqueles casos que poida ser indicativo da presenza de formas de auga.

A metodoloxía empregada consiste na descrición e catalogación das formas de auga presentes na zona por medio do estudo da cartografía (mapa 5 hidrografía), da fotografía aérea e do traballo de campo. En segundo lugar, analizaremos de forma individualizada as cuncas hidrolóxicas existentes na Comarca tendo en conta aspectos como a tipoloxía, a ramificación ou a densidade da rede hídrica.

Para este estudo temos que ter en conta que os ríos presentes na Comarca pertencen á cunca do río Ulla e, polo tanto, precisamos facer unha análise a unha escala maior, que teña en conta o papel que xoga a presenza deste río situado no límite Norte da Comarca.


CONTEXTUALIZACIÓN E DESCRICIÓN DOS RECURSOS HÍDRICOS


O clima oceánico húmido ou hiperhúmido existente na Comarca, unido a factores como os edafolóxicos ou topográficos entre outros, fan de Deza un territorio cuns recursos hídricos abondosos. Dentro da marxe Sur da cunca hidrográfica do río Ulla, podemos distinguir as sub-cuncas dos dous principais afluentes que transcorren pola bisbarra. Referímonos concretamente ás cuncas formadas polos ríos Deza-Asneiro e polo Arnego. Estes cursos fluviais percorren a Comarca en dirección SE-NO, desde o seu nacemento nas partes máis elevadas das serras das Serras Centrais de Galicia ata a súa desembocadura no río Ulla ó Norte da Comarca.

Os límites naturais da Comarca son tamén as divisorias de augas que delimitan as cuncas de drenaxe destes ríos máis os seus afluentes.

Existe, no ámbito de Deza, unha sucesión de elevacións que, seguindo a mesma dirección que os cursos fluviais, separa as dúas cuncas hidrolóxicas.

Esta pequena serra interior do Deza vai desde o Monte Carrio (827 m) ao Norte, pasando en dirección SE polos montes do Castro (656 m), do Costado (745 m), da Rocha (813 m), ou a Pena de Francia (914 m) entre outros. 

Seguindo a clasificación de Way (1978), baseada en parámetros como a densidade das correntes, a textura e a forma, tanto os ríos Deza-Asneiro como o Arnego presentan unhas cuncas de textura fina. Este tipo de cuncas manifestan elevados niveis de escorrentía superficial e de impermeabilidade do solo e do substrato rochoso.


A CUNCA HIDROLÓXICA DO DEZA-ASNEIRO

O río Deza é o principal curso fluvial da bisbarra e, xunto co río Asneiro, forman a cunca hidrolóxica máis extensa da Comarca Paisaxística con 551 Km². No seu nacemento, preto dos 800 metros de altitude, o río Deza fai de límite natural entre os concellos veciños do Irixo e Beariz, nas parroquias de San Pedro do Regueiro e Santa Cruz de Lebozán respectivamente. En total, o río percorre unha distancia de 51 Km ata a desembocadura no río Ulla entre as parroquias de Gres (Vila de Cruces), Cira (Silleda) e Ledesma (Boqueixón). O caudal absoluto medio rexistrado desde comezos dos anos setenta na estación de aforo de Ponte Cira (Silleda) é de 541,57 hm³/ano, con máximos nos meses invernais e mínimos durante a seca estival.

Na primeira metade do seu percorrido e ata a unión co río Asneiro, o Deza segue unha dirección predominante S-N, momento no cal vira lixeiramente a unha dirección SE-NO. Os xistos son as rochas predominantes en todo o traxecto do río Deza e os seus afluentes. A particular natureza destas rochas metamórficas e a disposición laminar de moitos dos seus compoñentes, fai que sexa un material pouco resistente ao ataque dos axentes erosivos de orixe fluvial.

O resultado é unha forte incidencia dos cursos de auga, que é especialmente significativa nas partes altas dos ríos onde predominan os maiores desniveis e as pendentes máis fortes. Deste xeito, vemos que nos cursos altos dos ríos Deza e Asneiro e dos seus afluentes, a elevada pendente incrementa a forza erosiva dos ríos e polo tanto, a capacidade de transporte de sedimentos. A consecuencia son vales en forma de uve, máis encaixados e cunhas ladeiras de maior pendente onde a mala accesibilidade posibilita en algúns casos a extensión das devesas. No curso medio o río perde forza ao descender o grao da pendente, polo que predominan outros procesos relacionados coa
deposición de materiais e a tendencia a horizontalidade da superficie coa formación de chairas aluviais ou veigas onde predominan as actividades agrogandeiras. 

O Asneiro, cunha lonxitude total de 29 Km e unha cunca de drenaxe de 127 Km² de superficie é o afluente principal do río Deza e un dos principais ríos da Comarca Paisaxística. O nacemento, a 700 m de altitude aproximadamente, é o resultado da confluencia de varios regatos entre as parroquias de San Salvador do Castro e Santa María de Dozón, no concello de Dozón. A desembocadura no río Deza prodúcese no lugar coñecido como Xunta dos Ríos na parroquia lalinense de Cristimil no límite coas parroquias de Prado (Lalín) e Cortegada (Silleda). A diferenza do río Deza, o Asneiro nace a unha menor altitude e nunha zona onde as pendentes son inferiores, polo que o afondamento dos cursos fluviais é menor e polo tanto, tamén o desenvolvemento do bosque natural autóctono. O río Asneiro é o tributario do Deza máis antropizado, nel captan as augas o concello de Lalín (vila e polígonos), e verte as augas o polígono industrial de Botos.

Outros afluentes de gran importancia na Comarca Paisaxística de Deza, son o río Orza e o Toxa. 

O río Orza nace na parroquia de Sabrexo (Vila de Cruces), ca confluencia do rego de Pazos e rego do Porto. Este curso fluvial verte a súas augas na Carixa, parroquia de Merza (Vila de Cruces). 

A cunca do Orza destaca por ser bastante encaixada e caracteriza a maior parte do territorio cruceño na Comarca Paisaxística de Deza.

O río Toxa é outro dos tributarios máis importantes do río Deza, atravesa o concello de Silleda de sur ao norte, nacendo na parroquia de Graba, froito da unión do regato de Mosqueiros con outros regos de menor entidade, xa no concello de Forcarei.

A cunca do Toxa caracterízase por presentar vales abertos, encaixándose na súa desembocadura, augas abaixo da fervenza. 

Ademais dos ríos Asneiro, Orza e Toxa, o río Deza conta con outros afluentes de menor relevancia como os ríos Zobra, Candán, Pontiña, Mera e Carrio.


A CUNCA HIDROLÓXICA DO ARNEGO

O río Arnego forma a outra gran cunca hidrolóxica da Comarca Paisaxística de Deza cunha superficie total de 347 Km². Nace da confluencia dos regos de Porto Xubín, da Toca e Ourín na parroquia do mesmo nome, ó Sur do concello de Rodeiro a 800 m de altitude. Percorre 56 Km cunha dirección predominante de S-NNO ata a súa desembocadura no embalse de Portodemouros na parroquia de Brocos (Agolada) ao Norte da Comarca, entre os concellos de Agolada e Vila de Cruces.

Entre os seus afluentes destacan os ríos Pequeno, Rodeiro e Az no concello de Rodeiro, e o Rego das Abellas no concello de Lalín.

A cunca do río Arnego sitúase nunha zona de contacto litolóxico entre granitos e xistos que produce diferenzas importantes entre as dúas vertentes do río. A vertente oriental correspóndese coa Serra do Faro que, debido á maior resistencia do granito á erosión, presenta a maior altitude da Comarca (Faro, 1.181m) e unha pendente máis forte que a ladeira occidental. Ademais, aprécianse distintos chanzos altitudinais de cumios chairos que descenden progresivamente ata a canle. A vertente occidental pola contra, aparece moito máis alterada a causa dunha menor resistencia dos xistos á erosión. 

O resultado é unha vertente que, nas zonas xistosas presenta unhas liñas máis suaves e un maior desenvolvemento do solo que favorece a actividade agrogandeira.


OUTRAS FORMAS DERIVADAS DA PRESENZA DE AUGA


A gran cantidade de recursos hídricos reflíctese nunha importante presenza de formas de auga diseminadas por todo o territorio e facilmente identificables no campo se ollamos aspectos como a vexetación, a toponimia ou as infraestruturas hidráulicas. Referímonos a formas como os lagos e lagoas, fervenzas, pozas, zonas asolagadas, fontes, mananciais, termas, etc… moi presentes ao longo da Comarca de Deza.

De especial mención polo seu interese paisaxístico son formas como a Fervenza do Toxa, lugar no que o río do mesmo nome aproveita un desnivel do terreo propio de zonas graníticas para crear un salto de auga de máis de 30 metros de altura.

Nos cursos altos dos ríos, nas zonas máis elevadas da Comarca, a forte pendente das ladeiras xunto coa natureza granítica da rocha produce a existencia de zonas de saltos de auga e de formación de pozas de difícil acceso.

Ademais, nestas elevacións máis húmidas do occidente da Comarca, tamén predominan as zonas hidromorfas propensas ao asolagamento en épocas de chuvias. Trátase de zonas protexidas como as Brañas de Xestoso ou as Brañas de Masgalán, onde as especiais condicións do ambiente e do solo favorecen o desenvolvemento dun hábitat cunha biocenose característica e moi valiosa pola particularidade das especies que alí habitan.

De significativa relevancia son tamén a gran variedade de fontes espalladas por todo o Deza, así como as augas termais existentes nos concellos de Vila de Cruces e Agolada.

No caso de Vila de Cruces, existe un balneario entre as parroquias de Merza e Fontao que aproveita a existencia dunha faia que favorece a presenza de auga subterránea que emerxe en forma de vapor quente.

Estas augas son moi saudables polo seu alto contido en minerais. Na parroquia de Vilariño no veciño concello de Agolada, existe tamén un manancial de augas termais onde antigamente había un balneario, hoxe en desuso.

Outras formas da auga presentes e dificilmente identificables no ámbito mostranse claramente ao analizar a súa toponimia. Deste xeito vemos que, aínda que resulte complexo identificalas na foto aérea ou no campo, existen moitas zonas nas que a presenza de auga queda recollida na tradición cultural, etnográfica e popular dos distintos lugares, e así temos sitios como por exemplo Lamas na parroquia das Trabancas en Agolada, As Fontelas en Xestoso (Silleda), As Brañas en Zobra (Lalín), etc. 

Por último, é conveniente mencionar o caso das lagoas artificiais do núcleo de Lalín, xa que aínda que de orixe antrópica, amosan certo proceso de naturalización atendendo ás comunidades vexetais e animais que alí se desenvolven.


DINÁMICA FLUVIAL EN RELACIÓN Á PAISAXE


Os cursos fluviais son uns dos elementos fundamentais no artellamento e na dinámica da paisaxe en Galicia. As variacións de caudal trocan rapidamente as ribeiras dos vales, e por tanto da paisaxe. Estas variacións de caudal trocan a ribeira destas canles mediante procesos de erosión ou sedimentación. A variación da dominancia destes procesos favorece unha diversidade paisaxística ao longo de todo o tramo fluvial.

Os trocos na paisaxe non só se deben a causas físicas, senón tamén humanas, xa que historicamente a sociedade intentou modificar os cursos fluviais en beneficio propio. O ser humano, dende tempos inmemoriais, realizou unha explotación destas masas de auga, aproveitando a súa enerxía mediante muíños, como recurso mediante canles de rego ou outros como lavadoiros. Ata mediados do século pasado, as modificacións das canles fluviais eran mínimas e os efectos reducíanse a escala local. A chegada de minería foi o principal impacto serio que sufriron este cursos (un bo exemplo é a mina de Fontao).

Na actualidade estes impactos foron aumentando, sendo as principais incidencias na rede hidrolóxica os procesos urbanizadores, os desenvolvementos industriais e unha gandería intensiva. Estes procesos xeraron unha gran demanda de recursos hídricos e elevaron o risco de contaminación. Un dos principais efectos é a redución do bosque de ribeira en certos sectores (menor biodiversidade e complexidade). Ademais, os procesos de urbanización a carón destas canles fluviais acrecenta o risco de enchente. 

O río Cabirtas-Regueiriño, é un dos ríos máis transformados e perturbados das últimas décadas na comarca. Este río foi canalizado ao seu paso pola vila de Lalín, e a súa canle verte á EDAR de Lalín, que trata as augas da vila e do Polígono 2000, captadas no río Asneiro. A pesar de que este río é o máis transformado, tódolos cursos fluviais presentan interaccións, directas ou indirectas, por medio de praias fluviais, captacións de auga, vertidos controlados ou incontrolados, construcións de grandes infraestruturas como o AVE, etc.


Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)