Fauna


Fauna

INTRODUCIÓN


De xeito semellante ao que acontece coa flora, a fauna da comarca caracterízase pola súa situación na confluencia entre dous ambientes contrastados, coa influencia dos ambientes eurosiberianos que penetra polas Serras Centrais de Galicia a través das serras lucenses e a súa continuación no Farelo e O Faro; e a lusitánica achegándose a través da cunca do Ulla polos vales e zonas baixas do noroeste. 

Pero sen dúbida o principal condicionante faunístico é a constante presencia do ser humano e a súa dispersión no territorio. Neste caso, factores sociais como a difusión do minifundio, a gran importancia adquirida pola propiedade particular da terra, prácticas de cultivo agresivas para o establecemento permanente da fauna como o sistema de rozas, as talas masivas de bosques autóctonos ou a forte presión exercida polas cabanas de gando no monte, restrinxiron a diversidade faunística e potenciaron aquelas especies capaces de vivir en ámbitos pouco extensos, fragmentados e cun alto grado de alteración antrópica.

En primeiro lugar farase unha descrición xeral da fauna existente no sector, clasificándoa por grupos, para despois, mediante a identificación dos biotopos máis característicos, sectorizar e localizar as especies máis representativas, se ben sempre debe terse en consideración que os animais son móbiles e que rara vez se dá unha adscrición exacta e excluínte entre as especies e os biotopos, senón que unha mesma especie pode aparecer en toda a comarca, mesmo cando teña unha forte querencia por un determinado biótopo concreto. 

O estudio faunístico da comarca abórdase dende unha perspectiva global, comezando pola descrición xeral dos principais grupos zoolóxicos e a identificación das especies máis relevantes dende o punto de vista da bioloxía da conservación, relacionándoas cos seus biotopos potenciais, o que permite á súa localización dentro da comarca e posteriormente pode facilitar as posibles actuacións de ordenación territorial.


FAUNA ACTUAL DA COMARCA DO DEZA


Observando o alto grado de antropización que presenta a comarca é lóxico comprender a escaseza de ecosistemas naturais primixenios na zona, facendo que a maior parte das especies presentes teñan unha alta capacidade de tolerancia á presión humana e á alteración do seu hábitat. 

Son, en xeral, especies que dende antigo conviviron co ser humano, adaptadas e afeitas aos cultivos, ao gando, moitas veces dependentes deles ata tal punto que algunhas chegaron a ser consideradas prexudiciais para os desenvolvementos e usos rurais tradicionais.

No caso particular dos mamíferos resulta obvio o desprazamento sufrido polas grandes especies como o extinguido oso (Ursus arctos), os lobos (Canis lupus), corzos (Capreolus capreolus) e xabarís (Sus scrofa), competidores directos do gando, cara ás áreas máis afastadas dos montes; perdendo un espacio que tan só agora están recuperando co abandono dos aproveitamentos rurais tradicionais. O resto de mamíferos adoptaron unha tolerancia e un comportamento que lles permitiu subsistir. Por exemplo, a maioría dos depredadores adquiriron hábitos nocturnos. É o caso dos mustélidos do tipo das donicelas (Mustela nivalis), touróns (Mustela putorious), teixos (Meles meles) e lontras (Lutra lutra); como tamén o fixeron o raposo (Vulpes vulpes), as xenetas (Genetta genetta), e mesmo outros grupos como os pequenos mamíferos (coellos, ratos de campo, musarañas, etc.).

No que respecta aos mamíferos cabe destacar ás mencionadas especies de carnívoros e de macrofauna, moi sensibles ás alteracións do seu hábitat, en certa medida, por ocupar os derradeiros chanzos da cadea trófica, polo que son indicadores ecolóxicos da saúde do ecosistema. Ademais destes, os insectívoros contan con dúas das especies máis cosmopolitas da fauna galega: os ourizos (Erinaceus europaeus) e a toupa (Talpa occidentalis), xunto ás que se conta a auganeira (Galemys pyrenaicus), endemismo ligado aos ambientes acuáticos. As musarañas son outros dos representantes máis comúns de micromamíferos cunha alimentación tamén baseada nos insectos.

Especialmente destacadas son as poboacións de morcegos, que atopan nas abundantes covas mineiras, sobre todo nos Montes Testeiro, os lugares escuros e fríos ideais para refuxiarse e hibernar. Ademais dos frecuentes morcegos comúns (Pipistrellus pipistrellus), aparecen outros catalogados como vulnerables pola normativa autonómica de conservación da natureza, tales como o morcego grande de ferradura (Rhinolopus ferrumequinum) e varias especies de morcegos rateiros (Myotis bechsteinii, M. emarginata e
M. mystacina). 

Dentro dos roedores, das tres familias representadas: Sciuridae, Gliridae e Muridae; hai que resaltar a terceira, na que se engloban a maioría de ratos e que comprende algunhas especies catalogadas como raras no territorio galego como o rato de fraga (Apodemus flavicollis) ou a corta dos prados (Microtus lusitanicus). 

Dentro das aves e tendo en conta que a súa distribución é moito máis laxa debido á gran capacidade de locomoción que posúen, existe un variado número de especies que ocupan case todos os nichos ecolóxicos presentes na comarca: dende aves de hábitos eminentemente terrícolas, ata pequenas aves que realizan amplos desprazamentos migratorios, pasando polas paseriformes granívoras e incluso algunhas grandes aves rapaces. 

Sen embargo, e dada a dominancia dos terreos antropizados e das terras de cultivos e prados, é fácil supoñer que o grupo das aves granívoras, especialmente aquelas que toleran ben a presenza do home, sexan as máis abondosas. Dentro deste grupo incluiríase un bo número de especies que abrangue dende os frinxílidos (pimpíns, xílgaros, liñaceiros, verderolos, escribentas, etc.), gorrións, tordos e merlos (Turdus spp.), rulas e pombos (Streptopelia decaocto, S. turtur e Columba spp.), pegas (Pica pica) e corvos (Corvus spp.). 

A medida que a presión humana vai diminuíndo comezan a aparecer outras especies de carácter máis reservado e con requirimentos de hábitats máis naturalizados como os chascos (Saxicola spp.), as papuxas (Sylvia spp.), lavandeiras (Motacilla spp.), carrizas (Troglodytes troglodytes), lavercas (Alauda spp.) e algunhas especies de rapaces do tipo do miñato (Buteo buteo), o lagarteiro (Falco tinnunculus), a gatafornela (Circus cyaneus) e a tartaraña cincenta (Circus pygargus), ou mesmo a aguia cobreira (Circaetus gallicus), así como as especies de aves nocturnas: curuxa (Tyto alba), as avelaionas (Strix aluco) ou os bufos (Bubo spp.). 

Atópase ademais un conxunto de especies ligadas a ambientes máis concretos como determinadas aves forestais: petos (Picus spp. e Dendrocopus spp.), ferreiriños (Parus spp.), gabiáns e azores (Accipiter nisus e Accipiter gentilis, respectivamente); as aves de ribeiras e humidais: folosas (Locustella spp.), rousinois (Luscinia megarhynchos), galiñolas (Fulica spp. e Gallinula spp.), e parrulos (Anas spp.) entre outras. 

Por último, cabe citar un grupo de especies cuxa presenza se restrinxe tan só a determinados períodos do ano e que destacan polo seu carácter fortemente migratorio. Algunhas delas son tan ben coñecidas como as andoriñas (Hirundo spp., e Delichon spp.) polas súas querencias urbanas, mentres que outras non o son tanto: papamoscas (Muscicapa spp.), avefrías (Vanellus vanellus) ou a recentemente catalogada curuxa das xunqueiras (Asio flameus). Todas elas presentan estadías temporais na comarca, a maioría estival, aínda que no caso dos dous últimos exemplos esta é invernal.

Sen dúbida é a herpetofauna o grupo cunha maior personalidade dentro do reino animal de Galicia. Vencellados aos abundantes terreos húmidos e asolagados, aparece un bo número de especies incluídas neste grupo, moitas das cales cóntanse dentro dos endemismos do noroeste peninsular. 

Nos réptiles destacan os lagartos arnais (Timon lepida) e os lagartos das silvas, sendo este último un dos citados endemismos galegos. Con eles comparten hábitat outros lagartos menores como a lagarta dos penedos (Podarcis hispanica). 

Situados morfoloxicamente entre os lagartos e as cobras aparecen os habituais esgonzos (Chalcides spp.) e os escánceres (Anguis fragilis), todos eles con boa presencia nos espazos abertos da comarca. 

Por último, aínda dentro do grupo dos réptiles, os ofidios amosan unha diversidade que dentro do contexto galego, presenta a variedade das provincias máis meridionais debido ás particulares condicións climáticas. 

Atópanse polo tanto especies máis propias de ambientes secos como a cobra lagarteira meridional (Coronella girondica), a serpe riscada (Rhinechis scalaris) ou o cobregón (Malpolon monspessulanus), xunto a outras estendidas por toda a comunidade: a cobra de colar e a viperina (Natrix natrix e Natrix maura, respectivamente.), así como a víbora de seoane (Vipera seoanei).

O grupo dos anfibios complementa a herpetofauna con algúns endemismos como a coñecida saramaganta (Chioglossa lusitanica), a ra patilonga (Rana iberica) e unha subespecie de ra do monte (Rana temporaria parvipalmata), o sapiño pintoxo (Discoglossus galganoi) ou o pintafontes común (Lissotriton boscai). Isto, ademais doutras especies cuxa presencia non rexistra estas restriccións ao noroeste peninsular, como outros pintafontes máis comúns (Triturus spp.), sapos de varios xéneros (Alytes obstetricans e Bufo spp.) e ras (Rana spp. e Hyla spp.); ademais das conspicuas píntegas (Salamandra salamandra).

No que fai referencia á ictiofauna, o sistema fluvial Ulla e Deza é coñecido sobre todo por albergar importantes poboacións de salmón atlántico (Salmo salar) e lamprea (Petromyzon marinus); que se unen a outras especies autóctonas como o reo (Salmo trutta) ou a saboga (Alosa fallax), a anguía (Anguilla anguilla), o espinós (Gasterosteus aculeatus) e algúns barbos como o escalo (Squalius carolitertii) ou o peixe (Chondrostoma arcasii). Xunto a estas especies de auga doce, hai outras mariñas que puntualmente poden ascender río arriba e chegar a presentarse excepcionalmente no tramo baixo do Ulla e dos seus tributarios. Trataríase sobre todo do robalo (Dicentrarchus labrax), do muxo (Chelon lebrosus) e da solla (Platichthys flesus). Todos eles sometidos a unha forte regresión nos últimos anos derivada da presión humana. Gran parte das especies anteriormente citadas, a pesar de estar no sistema fluvial Ulla-Deza non se atopan dentro da comarca paisaxística, xa que son especies propias da desembocadura. 

O eido dos invertebrados está polo momento moito menos explorado, polo que non resulta sinxelo facer un inventario das especies existentes na zona, máis aló das máis vistosas e das que como as abellas, teñen un claro aproveitamento económico. Nos insectos cabe diferenciar entre os artrópodos –aqueles que teñen patas articuladas – e o grupo dos moluscos e vermes. Neste último grupo hai tres tipos claros: os moluscos terrestres, os oligoquetos e os nematodos. Caracois e babosas, vinculados a terreos preferentemente húmidos e sombríos, forman o grupo dos moluscos e teñen unha boa representación en Galicia, coa especie Helix aspersa como unha das máis recoñecidas pola súa importancia gastronómica, ou o Elona quimperiana, que coa súa distribución fortemente ligada ás vetas de calizas do interior galego, pasa por ser o caracol ibérico en maior risco de extinción.

Ademais hai tamén un bo número de babosas das cales resalta o xénero endémico Furcopenis con tres especies, ademais da tamén endémica e característica Geomalacus maculosus. 

Os nematodos son invertebrados moi pouco coñecidos xa que soen vivir como parasitos doutros animais; pero no caso dos oligoquetos ou vermes redondos existe un coñecemento máis profundo debido a que son normalmente potenciadores da fertilidade dos solos galegos e en ocasións, son obxecto de aproveitamento económico. É o caso de especies de miñocas como a Dendrobaena octaedra, Eiseniella tetraedra, Allobophora caliginosa ou Lumbricus friendi. 

No que compre aos artrópodos, os seus grupos son moito máis carismáticos e polo xeral presentan hábitos de vida máis próximos ao ser humano, polo que o grado de coñecemento é maior. Quilópodos ou cempés, diplópodos ou milpés, arácnidos ou escorpións e arañas forman, xunto cos insectos, este enorme grupo. Estes últimos son os máis estudiados, sendo características as especies de libélulas e cabaliños do demo, ligadas aos múltiples ríos e ribeiras, e das que existe boa representación de especies na comunidade. Os lepidópteros ou bolboretas son tamén ben coñecidas pola súa variedade de tamaños e colorido, citándose máis de 150 especies en toda Galicia. 

Finalmente, é preciso destacar a presencia dos coleópteros ou escaravellos, coa presenza característica do endemismo Carabus galicianus e do mítico cervo volante (Lucanus cervus), cunha particular querencia polas carballeiras e soutos cos que se relaciona directamente, e dos que aínda quedan boas representacións dentro da comarca.


ESPECIES CATALOGADAS


Neste apartado identifícanse as especies animais máis destacadas dende a perspectiva da bioloxía da conservación. A súa importancia está vinculada á singularidade, á súa distribución restrinxida, a unha situación demográfica delicada ou a todas estas razóns. Tomouse como referencia o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, baseado no Decreto 88/2007 do 19 de abril, no que se recollen as especies máis relevantes á escala rexional. 

A este listado engádense os resultados das investigacións realizadas no campo, ademais dos contrastes bibliográficos pertinentes en cada caso, adherindo información referente aos biotopos asociados así como ao seu status particular dentro da comarca do Deza.



BIOTOPOS


A fauna existente nun lugar, logo das distribucións bioxeográficas que poidan ter as especies, vén determinada en gran medida polas cubertas vexetais do territorio, xa que estas son as responsables da existencia dos biotopos que as acollen. O outro gran factor influínte na fauna é a presenza e as actuacións antrópicas, que poden afectala indirectamente, modificando as coberturas vexetais do solo e os conseguintes biotopos, ou directamente, influíndo nos efectivos faunísticos por medio de actividades como a caza ou a pesca.

Dada a importancia que representa a primeira variable: a vexetación; levouse a cabo unha agrupación das coberturas vexetais co fin de poder determinar os principais biotopos faunísticos da comarca do Deza. Cada un deles presentará un grupo faunístico asociado, con elementos específicos que o diferencian dos demais, se ben non hai que considerar cada un deles coma un compartimento estanco, illado dos demais, senón como un sistema aberto no que o transvase e a interacción entre as especies dos distintos biotopos marca a identidade ecolóxica do conxunto da comarca. 

A continuación descríbense os principais ambientes da área de estudio atendendo á dominancia das coberturas vexetais do solo, nas que son patentes as alteracións de orixe antrópica. Establecéronse un total de oito biotopos tipo, de xeito que cada un deles pode conter comunidades de fauna máis ou menos diferenciables que permiten a súa individualización. Deste xeito, o establecemento dos biotopos non obedece á vexetación dominante en sentido estricto, senón máis ben á potencialidade que a súa distribución ofrece para a presenza de determinados tipos de fauna. 

O obxectivo último pasa por localizar os principais emprazamentos destes hábitats na comarca, sinalando as especies máis representativas dentro de cada un:

A) Bosques de caducifolias: forman este biotopo as masas arbóreas máis ou menos densas nas que a dominancia específica corresponde a especies autóctonas como o carballo, o bidueiro, o ameneiro, etc.; aínda que poidan contar tamén coa presenza testemuñal de piñeiros e outras especies impropias do ambiente. Dan lugar aos hábitats máis puramente forestais da zona albergando especies nemorais que atopan alimento e morada nas árbores. Trátase duns dos biotopos máis degradados na actualidade, debido ao aproveitamento silvícola e forestal, polo que a maioría dos exemplos destes bosques emprázanse en áreas afastadas da poboación ou formando pequenos rodais, moi fragmentados, entre ambientes moito máis antropizados como os cultivos, pasteiros, etc. 

Un caso singular correspóndeno os soutos que, aínda sendo de orixe humano, desempeñan funcións ecolóxicas similares que ás carballeiras autóctonas, cunha tamén semellante acollida da fauna. Nestes bosques son frecuentes as especies de mamíferos forestais do tipo dos esquíos (Sciurus vulgaris), leiróns (Eliomys quercinus) e ratos (Mus sp.; Apodemus), mustélidos (Mustela sp.), xenetas (Genetta genetta) e outros depredadores menores que atopan refuxio na frondosidade do bosque como os raposos (Vulpes vulpes) e os gatos de monte (Felis silvestris). 

Tamén é importante o grupo de aves forestais, destacando dende os pequenos ferreiriños (Parus sp.), paporroibos (Erithacus rubecula), merlos e tordos (Turdus sp.) ou carrizos (Troglodytes troglodytes), ata as rapaces nocturnas ou os gabiáns (Accipiter nisus), e pasando polos petos (Picus viridis) ou paxaros carpinteiros (Dendrocopus sp.), pegas (Pica pica), corvos (Corvus corone) ou os ouriolos (Oriolus oriolus) no verán. 

B) Ribeiras e brañas: dada a importancia que acadan os cursos fluviais na comarca, especialmente no centro, os ríos e a súa vexetación asociada representan un dos principais microambientes ecolóxicos do Deza. Sen entrar a valorar a súa función como corredores, a orla vexetal mantida ao longo dos principais ríos: Deza, Toxa, Asneiro e Arnego, e noutros menores como o Lebozán o Escuadro ou o Camba; sirve de sustento para un bo número de especies con querencias fluviais, moitas das cales destacan pola súa singularidade como iconos da fauna galega. Cabe mencionar tamén, e dentro deste mesmo apartado, a importancia faunística dos humidais de montaña, atopándose no límite occidental da comarca unha das representacións máis senlleiras de brañas de toda a comunidade: as Brañas de Xestoso.

Nestes ambientes caracterizados polas súas deficiencias de drenaxe e as súas particulares condicións físico-químicas (anoxia, acumulación de materia orgánica en descomposición, etc.) cítanse non só endemismos florísticos do noroeste peninsular, senón tamén algúns faunísticos. Nestes ambientes aparecen as características especies de herpetofauna identificadas como endemismos galegos. 

Son frecuentes as píntegas (Salamandra salamandra), ras (Rana sp.), sapos (Discoglossus sp.) e a saramaganta (Chioglossa lusitanica), entre outros. Hai tamén un bo número de aves ribeireñas como as garzas (Ardea sp.), os parrulos (Anas sp.), as galiñolas (Gallinula chloropus) ou os merlos rieiros (Cinclus cinclus); algunhas delas compoñendo a base trófica dalgúns dos mamíferos máis recoñecidos da fauna galega como a lontra (Lutra lutra). 

C) Mato e especies arbóreas: dos ambientes seminaturais que se poden distinguir na comarca, o mato e sen dúbida o máis estendido. Neste caso considerouse o seu desglose entre mato baixo e mato alto, por ter a capacidade distintiva este último, de representar de xeito máis estable o refuxio de certas especies de fauna maior como, corzos (Capreolus capreolus) ou xabarís (Sus scrofa); ademais das aves nidificantes en árbores. De cotío ocupa as transicións, ou ecotonos, entre os bosquetes de caducifolias e o mato baixo ou os pasteiros, polo que a súa función ecolóxica é moi salientable. Destacan así mesmo as especies de aves terrícolas como as perdices (Alectoris rufa) ou as lavercas (Alauda arvensis) e case todos os réptiles da zona (Lacerta sp.; Rhinechis sp; ou Vipera sp.). 

Pero o máis relevante é a presencia da macrofauna, en especial do lobo (Canis lupus), afastado das áreas ocupadas. 

D) Mato baixo: este biotopo, como etapa serial anterior ás matogueiras con especies arbóreas, presenta as formacións uniformes máis estendidas da comarca, situándose principalmente nas montañas dos seus rebordes: O Farelo, O Faro, Montes do Candán, Testeiro e Monte Carrio, este último no centro-noroeste. Se ben conforma un ambiente polo que presentan especial querencia algunhas especies faunísticas de hábitos fundamentalmente terrícolas, polo que realmente destaca é por representar unha importante área de campeo e caza para moitos taxóns, sobre todo estivais, dentro das que destacan aquelas que ocupan os últimos chanzos da pirámide trófica da zona: o mencionado lobo nos mamíferos, ou as rapaces propias destes ambientes dentro da ornitofauna. Cabe destacar nestas a presencia da gatafornela (Circus cyaneus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) o lagarteiro (Falco tinnunculus) ou o miñato (Buteo buteo). 

E) Cultivos, prados e especies forestais: trátase do microambiente máis habitual en toda a comarca Dezá, e a pesar da aparente homoxeneidade coa que se resume neste eígrafe, o seu principal rasco diferenciador é presentar unha gran diversidade de coberturas e usos vexetais, co común denominador da súa orixe antrópica. En realidade, cultivos de diversos tipos (dende hortícolas a forraxeiros), froiteiras, pasteiros e veigas, rodais de vexetacións autóctona, ou plantacións forestais de eucaliptos e piñeiros de pequena extensión; conforman o mosaico ecolóxico deste biotopo, que en si mesmo constitúe un ecotono. É fácil, polo tanto, comprender que se trate dun dos ambientes faunísticos máis ricos de toda a área de estudio, no que tan só faltan de forma permanente as especies maiores que desconfían da proximidade do ser humano. Neste biotopo cabe destacar a especial relevancia que xogan os corredores faunísticos, en forma de sebes e balados ou de bosques de galería, posibilitando a comunicación das especies dos distintos microambientes, así como coas doutros biotopos. Estes corredores serven de refuxio para numerosos réptiles, micromamíferos e para que moitas paseriformes establezan os seu niños.

Estes, á súa vez, serven de alimento para mamíferos carnívoros menores ou aves como o lagarteiro (Falco tinnunculus). Son importantes tamén as aves granívoras que aproveitan os terreos de cultivo e as hortas, como tamén son os roedores.

F) Plantacións de eucalipto e piñeiro: trátase de formacións forestais que a diferenza dos bosques autóctonos, se caracterizan pola homoxeneidade das especies que as habitan. Eucaliptais e piñeirais conforman ambientes cunha alta compoñente alóctona á que algunhas especies animais non se adaptan facilmente. Aínda así, cabe falar da presenza das especies máis tipicamente forestais, especialmente entre os grupos de mamíferos, aves e insectos. A pesar de non soportar unha comunidade faunística moi rica, estes biotopos aseméllanse en certa medida aos bosques de carballeiras, contendo algunhas das súas especies máis comúns como os merlos (Turdus merula) e carrizos (Troglodytes troglodytes), e destacando a presencia de azores (Accipiter gentilis) e gabiáns (Accipiter nisus) como os depredadores alados mellor adaptados á espesura. 

G) Explotacións mineiras: estes biotopos, que pasarían desapercibidos pola superficie que ocupan no territorio, sobresaen polos seus valores faunísticos, xa que neles nidifican e habitan algunhas das especies de fauna máis emblemáticas da comarca. No caso das minas a ceo aberto, as máis facilmente cartografiables, os seus inaccesibles cortados acollen os niños de falcóns, corvos e outras aves; mentres que as covas que formaban parte das minas baixo terra son, en moitos casos, as áreas escollidas como guarida polos quirópteros, algúns deles protexidos pola lexislación ambiental autonómica e nacional, tal e como se pode ver na táboa de especies catalogadas.

H) Zonas de asentamento da poboación: con pouca presenza en canto a superficie ocupada, estes ambientes son os máis degradados pola actividade antrópica, acollendo tan só ás especies máis ubicuístas e con nichos ecolóxicos máis laxos. É posible recoñecer, sen embargo, un bo número de especies con querencia polos ambientes antropizados, asemade doutras que de xeito ocasional poden acceder a estas áreas, especialmente aproveitando hortas, parques e xardíns. Destacan os gorrións (Passer sp.), os rabirrubios (Phoenicurus ochruros) e sobre todo as andoriñas (Hirundo rustica, Delichon sp.), que acoden no estío.



Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)