Edafoloxía


Edafoloxía

A edafoloxía da Comarca de Deza desenvólvese sobre o substrato rochoso fundamentalmente básico que caracteriza ao nordés pontevedrés, aínda que está particularmente marcada pola variedade litolóxica da zona.

En xeral, a predominancia das rochas básicas favorece a presenza de solos tipo lehm: caracterizados por presentar unha, polo menos lixeira, rubefacción dos óxidos de ferro; e por presentar un enriquecemento en arxilas - materiais inferiores ás 2 μ -. Á súa vez, este tipo de solos poden clasificarse en pardos e vermellos: os primeiros ocupan grandes superficies dentro do sector -especialmente en Vila de Cruces e en Lalín-, mentres que os vermellos presentan unha distribución máis restrinxida e preferentemente ligada a afloramentos de rochas ultramáficas, anfíboles e gabros, no extremo norte da Comarca. 

O alto contido en arxila nos horizontes profundos diminúe a permeabilidade e produce o asolagamento que caracteriza aos solos gley e pseudogley; ou de tipo anmoor se se desenvolven sobre substratos xistosos, chegando a formar pequenas gándaras e brañas. En función do contido en nutrientes, os solos de tipo lehm máis ricos son os eutróficos, que presentan un alto contido en sedimentos propios das chamadas terras pardas. 

Pola súa banda, os solos mesotróficos e oligotróficos non son tan abundantes e asócianse aos sectores montañosos. Trátase de solos menos desenvolvidos, xeralmente caracterizados por un perfil AC e asociados ás áreas montañosas, evolucionando ladeira abaixo de protoranker a ranker pardo en función da acumulación de materia orgánica. 

Para a descrición pormenorizada dos solos da Comarca Paisaxística de Deza, tomouse de referencia o estudio realizado no Plan de Desenvolvemento Comarcal (Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial, 1993) no que se fai unha clasificación edafolóxica determinada pola litoloxía subxacente, e a partir da cal se elaborou unha cartografía edafolóxica baseada en unidades de solo que responden á proposta metodolóxica proposta pola FAO (Leyenda del Mapa de Suelos del Mundo, 1985) e seguen o esquema de partida de Calvo e Macías (1991) para o mapa de solos da Coruña. 

Así, distínguense as seguintes clases de solo:

1. Leptosol úmbrico/dístrico: estes solos localízanse fundamentalmente no NE e SO da Comarca Paisaxística, ocupando zonas de elevada altitude (Faro, Farelo, Candán, Testeiro e Uceiro) ligados a materiais de difícil alteración como son os granitos ou os xistos cuarcíticos, sobre pendentes acusadas, aínda que tamén poden atoparse en zonas máis chairas, aínda que sempre por riba dos 600 m. e asociados aos granitos orientais. Ocupan pequenas unidades dispersas sobre os xistos do Dominio de Ordes e os paragneises da Unidade de Lalín. Presentan un horizonte A que pode ser úmbrico ou ócrico, de moi escaso espesor, que descansa sobre a rocha consolidada ou a saprolita. Dadas estas características xerais, predomina a vexetación composta por uceiras e toxeiras, e excepcionalmente prados pacedoiros de alta montaña.

2. Leptosol eúrico: trátase dunha zona restrinxida ao N de Bandeira e desenvolvida sobre o corpo de rochas ultramáficas. O horizonte A é un ócrico fortemente saturado, seguido de rocha ou de saprolita; debéndose a súa alta saturación en bases á grande cantidade de magnesio aportado pola alteración da rocha de partida. O relevo onde aparecen estes solos aumenta de pendente en dirección N, onde o macizo é cortado pola Falla Marxinal, na que se encaixa o Río Deza. O Pinus pinaster, xunto cos fieitos, representan a vexetación dominante, destacando a súa baixa fertilidade.

3. Cambisol úmbrico/dístrico: este tipo de asociación de Cambisol aparece sobre os xistos cuarcíticos do Dominio Externo e os ortogneises de Sobrado pertencentes ao Complexo de Ordes. Seguindo estes materiais, localízanse polo tanto na forma dunha banda de dirección N-S situada no centro da zona de estudio, nunha área situada ao S do río Deza e en dúas franxas estreitas de ortogneises situadas unha na ladeira NO do Monte Marco, entre Gres e Vilar ao NO do Sector, e a outra que parte de Pastoriza, cruza a Serra da Magdalena e chega ata o encoro de Portodemouros. Sobre as ladeiras de elevada pendente os solos son lixeiros e en xeral presentan un horizonte A úmbrico ou ócrico, aínda que con pendentes menores pódese desenvolver un horizonte B cámbico, ás veces incipiente. Nas zonas do N a vexetación pode estar constituída por plantacións de Pinus pinaster e Eucalyptus globulus, aínda que nas partes máis chairas as terras soen estar cultivadas. O enclave occidental, sobre terras de Silleda, está intensamente cultivado, sendo ocasional a vexetación de bosque. 

Por outro lado hai que resaltar que a superficie ocupada maioritariamente por estes solos presenta un relevo abrupto, con pendentes que superan moitas veces o 25% de inclinación, e onde non é posible máis vexetación que a típica de matogueira: toxeira e uceira. 

4. Cambisol úmbrico: xunto cos leptosoles úmbrico/districos e os cambisoles úmbrico/dístricos, ocupa a maior parte da área de estudio. Desenvólvense sobre paragneises da Unidade de Lalín, os granitos e granodioritas orientais en pequenas extensións sobre os ortogneises non relacionados coa Unidade de Santiago-Lalín ou a Unidade de Vila de Cruces. Nesta unidade dominan as fases profundas sobre as superficiais, polo que os solos son productivos, e consecuentemente cultivados extensivamente. 

O relevo é en xeral suave, agás a parte sudoriental da Comarca, nas estribacións da Serra do Faro. Alí onde as terras non están cultivadas a vexetación predominante constitúea o monte baixo.

5. Cambisol úmbrico/crómico: nos xistos da Serie Periférica do Dominio de Ordes e nos ortogneises hiperalcalinos da Unidade de Lalín, os solos ben desenvolvidos presentan frecuentemente horizontes B de tonalidades vermellas ou suficientemente intensas como para recibir o cualificativo de crómico. Están xeralmente vencellados a fases de rochas ricas en biotita, que ao alterarse liberan grandes cantidades de ferro, sendo a súa oxidación o proceso responsable desta coloración. Sen embargo, o solo dominante sobre este tipo de materiais é o Cambisol úmbrico. Esta asociación edafolóxica atópase ao N da Falla Marxinal, sobre os solos derivados da Serie de Ordes e próximos a Silleda, nos derivados dos ortogneises hiperalcalinos. Estes últimos aparecen sobre relevos suaves e están xeralmente cultivados, mentres que ao N os materiais presentan relevos máis abruptos, chegando ao 55% de desnivel nalgunha
das ladeiras da vertente S do río Ulla. Nestes é onde máis abunda a vexetación arbórea, representada por bosques mixtos de Pinus pinaster e Eucalyptus globulus.

6. Cambisol úmbrico/férrico: ao O de Vila de Cruces e en dous enclaves situados ao NO da Unidade de Lalín, aparecen materiais de natureza anfibólica, sobre os que se desenvolve principalmente o Cambisol úmbrico e en menor medida, o Cambisol ferrálico. Coma inclusión atopáronse solos que cumpren os criterios de Phaeozem háplico. A vexetación do macizo de anfibolitas de monte da Serra é de uceira empobrecida, con toxos de escaso porte, se ben algúns vales están cultivados. A alternancia entre solos de cultivo e piñeirais dáse tamén en ao NO da Unidade de Lalín. 

7. Cambisol úmbrico/gleico: trátase de solos con hidromorfía e actualmente carácter aérico emprazados nas ampelitas e cuarcitas que cobren boa parte do municipio de Dozón. Atópanse en zonas chas dos vales dos tributarios do Deza. A vexetación dominante está composta por piñeiros, toxeiras e uceiras. Noutros puntos do Sector encóntranse solos con características de hidromorfía, sen poder ser englobados no grupo dos Cambisoles gleicos.

8. Phaeozem háplico: os solos profundos, con horizonte B ben desenvolvido, evolucionados a partir das rochas ultramáficas situadas ao N de Bandeira, teñen horizontes B cámbicos. Trátase de Phaeozem háplicos e constitúen unha nota a resaltar na Comarca. En xeral están aproveitados coma prados de sega ou terras de cultivo. 

9. Fluvisol eútrico/dístrico: esta unidade atópase repartida por todo o Sector, aínda que non forma grandes extensións, agás os sedimentos situados na desembocadura do Deza e nos vales dos ríos Toxa e Escuadro. 

O horizonte A pode ser móllico ou úmbrico e en xeral oscila entre os 20-25 cm. de espesor. Son solos de nivel freático elevado, que están aproveitados profusamente coma prados de sega. Naqueles puntos onde o nivel da auga está por debaixo de 1,5 m. soen plantarse cultivos como a pataca e o millo. En liñas xerais apréciase a dominancia de Cambisoles Úmbricos, aínda que estes poden ser de diferente tipo en función do substrato xeolóxico; de xeito que sobre anfíboles danse Cambisoles ferrálicos, Cambisoles crómicos sobre xistos de Ordes e ortogneises hiperalcalinos, e Cambisoles dístricos sobre xistos cuarcíticos e ortogneises de Sobrado. Pola súa banda, tanto os Phaeozems como os Leptosoles eútricos constitúen excepcións con rango de inclusión. 

En resumen, poden diferenciarse dous grandes dominios edáficos en función da latitude e da pendente. Os solos de fase superficial, escasamente desenvolvidos, renovados ou pouco evolucionados, identifícanse cos Leptosoles. En cambio os Cambisoles son solos en fase semiprofunda e profunda que ocupan zonas máis chairas e aptas para o cultivo. 

Como é comprensible, os solos desenvolvidos sobre ladeiras de forte pendente son máis proclives á erosión e aos corrementos de terras propiciados polas precipitacións, polo que neles os riscos edafolóxicos haberán de terse en conta á hora de proxectar determinadas actuacións humanas.


Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)