Climatoloxía


Climatoloxía

Para a análise do clima na Comarca Paisaxística de Deza, empregouse a información dispoñible no servizo autonómico de meteoroloxía de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.es) e nas publicacións do Atlas Climático de Galicia (MARTINEZ CORTIZA, A e PÉREZ ALBERTI, A, 1999) e Bioclimatología de Galicia (CARBALLEIRA, A.; DEVESA, C.;RETUERTO, R. e UCIEDA, F, 1983). 

O resultado son unha serie de datos obtidos de distintas estacións meteorolóxicas elixidas pola súa localización dentro ou nas proximidades da Comarca e que puideran servir para a caracterización climática do Deza. 

Deste xeito, elixíronse as estacións de Mouriscade (Lalín) e de Serra do Faro (Rodeiro) dentro dos límites da Comarca Paisaxística, e a de Sergude (Boqueixón), A Pereira (Forcarei), ou Melide (Melide) entre outras, pola súa proximidade xeográfica. 

A mala calidade dos datos dispoñibles, xunto co carácter puntual da información climatolóxica das estacións meteorolóxicas, foron algúns dos principais hándicaps no estudo climatolóxico da Comarca. Para tratar de eludir estes problemas, houbo que recorrer a distintas fontes de información para completar os datos das distintas estacións e levar a cabo métodos de interpolación espacial que nos permitisen a realización da cartografía climática das distintas variables estudadas a partir de información de carácter puntual.

O obxectivo último é o de levar a cabo unha caracterización climática de toda a Comarca o máis rigorosa posible, que poida axudar a comprender a dinámica e a evolución da paisaxe de Deza, así como a súa percepción.


A INFLUENCIA DO RELEVO


Aínda que tras unha primeira aproximación, as características do clima do Deza poidan parecer bastante homoxéneas, a realidade é que existen importantes variacións espaciais. Considerando unicamente a situación da Comarca no contexto de Galicia, non sería suficiente para poder explicar as diferenzas existentes a pequena escala ou con outras zonas de Galicia que, a priori, poderían ter unhas características climáticas similares. 

A particular configuración que o relevo ten na Comarca Paisaxística de Deza é o factor mais determinante para tratar de explicar o comportamento do clima, máis próximo a outras áreas xeográficas situadas máis cara o interior de Galicia. Para o caso concreto que nos ocupa, falamos dun gradiente altitudinal que suporía un aumento cada 100 metros de entre 45-100 mm no caso das precipitacións e de 0,5-0,6 º C no caso das temperaturas.

A presenza de importantes conxuntos montañosos e a súa disposición periférica protexendo a Comarca de Deza, fan que este presente un clima lixeiramente máis extremo que outras zonas limítrofes como as Comarcas de Arzúa e de Terras de Melide ó Norte ou a de Carballiño ao Sur.

Polo tanto, podemos dicir que en liñas xerais a altitude e a disposición do relevo son os principais condicionantes do clima de Deza, permitíndonos distinguir dúas áreas climáticas diferenciadas na Comarca. Deste xeito, por un lado teríamos a zona Centro-Norte, condicionada pola existencia dos vales fluviais do río Ulla e os seus afluentes (Deza, Asneiro e Arnego), e a metade meridional, no que a presenza de importantes elevacións na periferia da Comarca, provocan o denominado como efecto Foehn. 

Estas diferenzas topográficas entre a metade Norte e a metade Sur da Comarca, producen importantes matizacións nos valores e na distribución das variables climáticas da Comarca Paisaxística de Deza, matizacións que resulta indispensable recoller.


TEMPERATURAS E PRECIPITACIÓNS


A Comarca Paisaxística de Deza sitúase entre os 8 e os 14 graos de temperatura media anual. Como xa dixemos con anterioridade, as zonas onde a temperatura media é máis elevada correspóndense na meirande parte dos casos coas zonas máis baixas. 

Os vales fluviais, sobre todo no extremo setentrional cerca da desembocadura no río Ulla, xunto co entorno do núcleo urbano de Lalín, son as zonas que presentan unha maior temperatura media, oscilando entre os 12 e 13 graos. 

De especial mención resulta o caso do val fluvial do Deza, que no extremo Noroccidental ao seu paso polos concellos de Silleda e Vila de Cruces é onde se acadan as máximas temperaturas medias da Comarca, chegando case aos 14 graos nalgúns puntos. 

Pola contra, as temperaturas medias máis baixas acádanse nas zonas máis elevadas das serras do Candán, Testeiro, Faro e Farelo, situándose entre os 8 e os 10 graos aproximadamente. É destacable tamén, o caso do monte Carrio ao Norte do concello de Lalín, que representa un área illada de temperaturas frías se as comparamos co entorno inmediato.

Analizando as variables de temperatura media máxima e mínima e a amplitude térmica, podemos extraer varias conclusións que nos axuden a comprender a influencia do relevo e, polo tanto, da distribución da variable da temperatura na Comarca de Deza. 

Observando o mapa interpolado de temperaturas medias máximas, vemos que os patróns de comportamento se repiten con respecto á variable de temperatura media, sendo en xeral as zonas máis baixas as de temperatura máis benigna (18-20º) e as zonas máis elevadas, as máis frías (13-14º C). 

Se temos en conta que, a elevación do terreo foi empregada como variable independente no modelo de interpolación, parece lóxico pensar que o comportamento das distintas variables analizadas sexa semellante. Porén, na distribución da variable de temperatura mínima atopamos algunha anomalía con respecto á tendencia mostrada no caso das outras variables. 

Aínda que para este caso, tamén son as zonas de maior altitude das serras as que presentan os valores máis baixos, existe un área onde a variable da altitude non chega para explicar o valor tan baixo de temperatura mínima rexistrado. Trátase do caso da zona da estación lalinense de Mouriscade, onde se rexistran os valores de temperatura media mínima máis baixos de toda a Comarca, a pesar de que a altitude media é tan só de 500 metros aproximadamente.

A explicación máis lóxica atopámola no fenómeno de continentalidade das temperaturas, visible na distribución da variable amplitude térmica, que acada nesta zona o maior contraste entre as máximas e mínimas. A causa deste fenómeno de continentalidade, pode estar no emprazamento desta área ao abrigo das maiores elevacións da Comarca, resultando un clima lixeiramente máis extremo.

En canto á variable das precipitacións, os valores oscilan entre os 1.000 e 1.400 mm anuais, seguindo un patrón de distribución espacial bastante parecido ao da variable da temperatura. Ao igual que se fixo coas outras variables, para a análise da precipitación levouse a cabo un método de interpolación seguindo un modelo de regresión lineal no que se tivo en conta a influencia da elevación como variable independente. O resultado é un mapa de distribución de precipitacións no que o gradiente altitudinal é novamente o factor máis determinante. 

Porén, existen importantes matizacións que resulta conveniente recoller. A diferenza do que acontece coas temperaturas, as maiores precipitacións non se acadan simplemente nas zonas máis elevadas, senón que diminúen de forma xeral de Oeste a Leste e de Norte a Sur. A explicación máis lóxica é que, o arrefriamento como consecuencia do ascenso das frontes provenientes do Oeste ao atoparse coas elevacións das serras suroccidentais da Comarca (Candán e Testeiro), fai que se condense a humidade precipitando en forma de chuvia. 

Por iso, nestas serras recóllense máis precipitacións que en ningún outro lugar do Deza. Outras zonas como o Monte Carrio ou a Serra do Farelo, tamén presentan valores elevados de precipitacións a causa da altitude e da influencia das frontes canalizadas polo val do río Ulla.

Por outra banda, a zona máis seca sería a metade suroriental no val do río Asneiro entre os concellos de Lalín e Dozón e a Serra do Faro no concello de Rodeiro. No caso de Mouriscade, a sequidade pode estar relacionada, como no caso das temperaturas, co fenómeno de continentalidade. No caso do Faro, malia a elevada altitude media, as frontes chegan sen auga tras descargar nas serras occidentais. É un claro exemplo do denominado efecto Foehn.


DOMINIO OMBROTÉCNICO


Para o estudo da distribución temporal das variables de temperatura e precipitacións, analizamos os climogramas ombrotérmicos e os gráficos de liñas das estacións de Mouriscade (Lalín), Serra do Faro (Rodeiro) e A Pereira (Forcarei). A escala temporal empregada para os gráficos é tan so dos tres últimos anos completos (2007-2009), o que resulta insuficiente para unha caracterización climática rigorosa, pero que pode darnos unha idea das variacións espaciais dun lugar a outro da Comarca para o mesmo período.

Se observamos os gráficos vemos que os patróns son bastante similares entre as distintas estacións, existindo pequenas diferenzas no volume e na distribución dos valores rexistrados. Deste xeito, vemos que as temperatura media máis baixa deuse na Serra do Faro en Rodeiro, sendo a única de todas as estacións consideradas que baixa dos 10 graos de media (9,5º C). 

En canto aos valores mensuais, vemos que Agosto é normalmente o mes máis caloroso, mentres que Decembro e Xaneiro son os máis fríos, chegando por debaixo de 5 graos no caso da Serra do Faro. En canto aos valores extremos da temperatura, vemos que a maior amplitude térmica témola en Lalín, na estación de Mouriscade, a causa do xa mencionado anteriormente, efecto de continentalidade. 

As diferenzas con respecto ás outras dúas estacións superan os 4 graos.

Observando ás precipitacións, vemos que a estación máis húmida sería a de A Pereira, no veciño concello de Forcarei, con preto de 1.400 mm. anuais. Este rexistro medio supón un incremento aproximado de 200 mm. anuais en comparación coas estacións de Mouriscade ou de Serra do Faro. 

En canto á súa distribución, os meses estivais serían os máis secos (Xullo-Agosto-Setembro), mentres que Decembro sería o mes máis húmido agás en Forcarei, onde sería o mes de Xaneiro. 

Unha vez analizadas as características termopluviométricas e seguindo a clasificación ombrotérmica do Atlas Climático de Galicia (A. MARTÍNEZ CORTIZAS e A. PÉREZ ALBERTI, 1999), podemos concluír que a Comarca Paisaxística de Deza, sitúase nunha zona de transición entre o dominio hiperhúmido-temperado da zona das serras meridionais do Candán e Testeiro, a un dominio subhúmido-temperado nas zonas máis baixas e secas da Comarca.



OUTROS TRAZOS DO CLIMA


Existen outras variables climatolóxicas de relevancia na dinámica e configuración da paisaxe. Así, características do clima como o balance hídrico, a humidade, a frecuencia das xeadas ou as horas de sol, son algúns dos principais elementos do clima de interese no estudo da paisaxe. Ademais da súa influencia directa na distribución e nos ciclos vitais da vexetación, tanto a de orixe natural como antrópico, estes elementos do clima condicionan de forma determinante a nosa percepción paisaxística.

O balance hídrico dunha área determinada, sen considerar a influencia do home, consistiría na diferenza entre as entradas de auga (precipitacións) e as saídas de auga (evapotranspiración). 

Para a análise desta variable climática, a dispoñibilidade de datos é se cabe, aínda menor que para o caso das temperaturas e das precipitacións. Aínda así, resulta suficiente para facernos unha idea da dispoñibilidade de auga na Comarca e, polo tanto, da influencia da mesma na configuración da paisaxe. 

Analizando os gráficos disposto a continuación, vemos que o balance hídrico é deficitario nos meses incluídos entre Xuño e Setembro, o que indica que as reservas acumuladas xa estarían esgotadas e que o gasto hídrico a causa da evaporación directa e da transpiración vexetal, sería superior ao aporte da precipitación. 

Pola contra, nos meses invernais máis húmidos, habería un balance positivo cun excedente de recursos hídricos, suficiente para o almacenaxe das reservas necesarias para o resto do ano. 

En canto á humidade relativa, vemos que acontece o mesmo que con outras variables. As estacións de Serra do Faro e A Pereira teñen uns valores bastante parellos, mentres que Mouriscade presenta certas matizacións propias da súa localización concreta no interior da Comarca. A humidade é nese punto superior á humidade das zonas máis elevadas, o cal, pode deberse a influencia directa do río Asneiro, á frecuencia das néboas e ó feito de que a exposición das zonas elevadas facilita a circulación atmosférica, transportando a humidade a zonas de maior estabilidade como a de Mouriscade.

Porén, o distribución temporal si que ten un patrón común, cun descenso no mes de marzo para recuperar nos meses de Abril e Maio e acadar os valores máis baixos no verán. O mes máis húmido pola contra, é o de Novembro para os tres casos.

A humidade relativa está moi relacionada coa frecuencia e distribución das xeadas, que son o resultado da condensación de pequenas gotas de auga sobre unha superficie arrefriada. 

No caso da Comarca Paisaxística de Deza, vemos que novamente as diferenzas son nulas dunha estación a outra, sendo 5 o valor medio de días por mes con xeada. Analizando a distribución temporal, vemos que son os meses de inverno os de maior frecuencia de xeadas con máis de dez días, mentres que no verán as temperaturas non arrefrían tanto pola noite, sendo as xeadas practicamente inexistentes entre os meses de Maio e Outubro.

A insolación e as horas de sol son outras das variables climáticas que resultan fundamentais para entender a paisaxe dun territorio, xa que determinan, entre outras cousas, o estado e distribución dos cultivos e da vexetación natural. 

Ademais, a nosa percepción de aspectos propios da paisaxe como a tonalidade das cores ou a textura, varía en función do distinto grao de luminosidade. 

No caso da Comarca de Deza, os valores analizados para o período 2007-2009 nas tres estacións meteorolóxicas de referencia (Mouriscade-Serra do Faro-A Pereira), falan dunha porcentaxe de insolación media anual do 47% e de 178-180 horas de sol de media cada mes para as tres estacións. Con isto, obtemos que a media de horas de sol por día son 6 e de insolación un 47%, entendendo que os valores son menores nos meses de inverno e máis elevados no verán.


MICROCLIMAS


As variacións do clima na Comarca Paisaxística de Deza débense, en boa medida, ás distintas condicións que presentan outros factores determinantes. 

Deste xeito, na Comarca de Deza danse varios casos de áreas cunhas características diferentes con respecto ao entorno inmediato, dando lugar aos denominados microclimas.

Ademais do relevo como factor determinante do clima de Deza, temos que considerar outros elementos que producen alteracións das distintas variables climáticas a escala local. Referímonos a factores vinculados á topografía da superficie como poden ser a orientación con respecto ao sol ou a exposición ás frontes, factores como a presenza de auga ou de vexetación, ou factores de orixe antrópico como a edificación ou a emisión de gases. 

Estas alteracións nas condicións a pequena escala explican o patrón de comportamento termopluviométrico da Comarca. Algunhas das evidencias máis significativas son o incremento da temperatura media no entorno dos núcleos urbanos máis importantes (Silleda e Lalín), a mediterraneización do clima nas zonas de maior encaixamento fluvial, ou a dicotomía entre a ladeira de solaina e de aveseda. 

Os microclimas, ademais de axudar a comprender o comportamento do clima, resultan de especial interese para a comprensión de moitos dos factores explicativos fundamentais da dinámica, da evolución e da configuración actual da paisaxe de calquera territorio.


Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)