06 Dec
06Dec

SUBER: Nome romano desta árbore e tamén cortiza en alusión á cortiza desta árbore.

Árbore monoica de até 25 metros. Raíz principal penetrante e raíces secundarias que producen rebentos. Tronco curto, groso e dereito. Cortiza agrisada, primeiro lisa, pasando moi pronto a ser moi grosa, gretada e suberosa (cortiza), cinsenta escura nos troncos non descortizados, amarela, pasando por vermella a moura, nos exemplares descortizados. Copa oblonga, máis ou menos estendida e algo irregular.

Follas de 2,5-10 x 1,2-6,5 cm., persistentes, simples, alternas, coriáceas, con pecíolo tomentoso de 6-20 mm., de ovadas a oblongo-lanceoladas, con bordos enteiros ou levando uns pequenos dentes espiñentos, agudas, truncadas ou atenuadas na base, co nervio medio sinuoso, cor verde escura na face, abrancazadas e tomentosas no envés.


Flores unisexuais, as masculinas con envolta sepaloide de 5-6 divisións e 5-6 estames, agrupadas en amentos de 4-8 cm., colgantes e interrompidos, reunidos en grupos de 5-6, primeiro erectos e avermellados, despois colgantes e amarelos. As feminas coa envolta sepaloide e lobulada e con ovario ínfero e 3 estilos curtos e diverxentes desde a base. As flores femininas están situadas no interior dun involucro formado por numerosas escamas, solitarias ou reunidas en grupos pouco numerosos.

Florece entre maio e xuño, pero a floración pode prolongarse até outono. A polinización é anemógama.

O froito é un aquenio de 20-45 x 10-18 mm., ovoide-oblongo, cor castaña-avermellada na madurez, con pedúnculo de 5-40 mm., ríxido e tomentoso. Cúpula leñosa de 10-20 x 12-25 mm. con escamas laciniadas. Madura entre setembro e xaneiro.

Orixinaria do norte de África e do sur de Europa. Habita en zonas frescas e abrigadas de bosques sobre solos soltos e permeábeis.

Atopámola nas zonas máis térmicas das rías, onde non é moi abundante, introducíndose cara ó interior polos vales fluviáis, tanto máis dentro canto máis ou sur.

A cortiza é usada na fabricación de tapóns e outros obxectos de cortiza e para elaborar as colmeas tradicionais, tamén chamadas cortizos. As landras na alimentación do gando, sobre todo o porcino. A madeira, pesada, pouco homoxénea e facilmente alterábel, ten pouca utilidade en carpintaría.

A leña e o carbón son de boa calidade. A cortiza presenta propiedades adstrinxentes.

O naturalista inglés R. Hooker descubriu en 1667 na cortiza a estrutura celular dos seres vivos.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado no sitio web.